A Laracha celebrará o primeiro festival LGTBIQ+ baixo o título “A Laracha Orgullosa”

por Redacción A Coruña

A noite do 28 de xuño na praza Les Sables d’Olonne

“A Laracha Orgullosa” será o primeiro festival LGTBIQ+ que se celebrará baixo a organización do Concello, un evento único que encherá a praza Les Sables d’Olonne -en caso de choiva, o pavillón do IES Agra de Leborís- de música e orgullo o venres da próxima semana, día 28 de xuño.

“A Laracha Orgullosa” marca un paso adiante na programación municipal dirixida a fomentar o respecto e a diversidade, romper barreiras e xerar conciencia sobre a igualdade e a non discriminación por cuestións afectivo-sexuais ou de identidade de xénero.

O festival musical comezará ás 21:30 h co concerto de Catuxa Salom. A continuación, ás 23:00 h será a quenda para a banda Leria. A fin de festa correrá a cargo de DJ Gorllitox a partir das 00:30 h. A asistencia para o público é libre e gratuíta.

“A Laracha Orgullosa” non se trata só dunha festa, senón que pretende converterse nunha ferramenta de sensibilización para a defensa dos dereitos das persoas LGTBIQ+ e que promova unha sociedade libre de prexuízos. Neste sentido, contarase cun punto de prevención de agresións sexuais no que tamén se ofrecerá información, asesoramento e material divulgativo.

O Concello anima a cidadanía a participar nesta primeira edición do festival “A Laracha Orgullosa” para crear un espazo de tolerancia e respecto no que a diversidade e a igualdade brillen máis que nunca.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario