A alcaldesa e o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, mantiveron un encontro hoxe en María Pita con distintos colectivos para traballar conxuntamente no deseño dos accesos do futuro vial
A alcaldesa, Inés Rey, mantivo hoxe unha reunión en María Pita con representantes veciñais e empresariais para falar da implantación da Cuarta Ronda, un proxecto impulsado desde o Concello e cuxo proxecto adxudicou recentemente o MITMA. Na reunión participaron Luisa Varela, presidenta da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana, e outros representantes da entidade. Pola parte empresaria, acudiron á cita Belén Rey e Alberto Rodríguez por parte dos empresarios de Vío; Lucía López e Alfredo Candales por parte dos empresarios de Pocomaco, e Begoña López e Teresa Firvida por parte dos empresarios do polígono de Agrela. A alcaldesa estivo tamén acompañada no encontro polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage.
A consecución da Cuarta Ronda foi unha das actuacións impulsadas polo Goberno de Inés Rey durante o pasado mandato, impulso que culminou coa licitación do proxecto, cuxo coste asumirá o Estado a través do MITMA. Desde o Concello estase a traballar xa no deseño dos novos accesos a ese vial que contribuirá a vertebrar o transporte na cidade e dará servizo aos principais polígonos.