Os socialistas defenden que Galicia recibiu nos últimos seis anos 15.000 millóns máis que na etapa de goberno de Rajoy, “cando o PP propoñía un financiamento propio para Cataluña” 

por Redacción Galicia

O secretario de Economía e Emprego do PSdeG, Abel Losada, destaca que a comunidade autónoma vai obter este ano 9.400 millóns de euros, a maior cantidade da súa historia «e un dato obxectivo e non cuestionable»

O secretario de Economía e Emprego do PSdeG, Abel Losada, defendeu hoxe que Galicia “nunca estivo tan ben financiada como co Goberno de Pedro Sánchez”. Ante os agoiros infundados e interesados do PP acerca dun financiamento singular para Cataluña, asegurou que “os propios papeis” e manifestacións do Partido Popular cuestionan a “especie de escándalo fake” que pretende levantar Feijoo, ao que se une agora Rueda.

Losada repasou os datos das achegas do Estado. “Nestes últimos seis anos, contando cos fondos covid, recibíronse 15.000 millóns de euros máis que nos seis anos de Goberno ‘amigo’ de Rajoy, e por outro lado, no 2024 vanse recibir en Galicia 9.400 millóns”, dixo. “Esta é a maior cantidade en termos de financiamento autonómico que recibiu esta comunidade, e é un dato obxectivo e non cuestionable”, engadiu.

A esas cifras sumoulles a condonación de parte da débeda que se xerou “en relación coa crise financeira inmobiliaria” que xestionou o PP e que dificultou a saída das comunidades aos mercados.

O secretario de Economía sinalou, por outra banda, que, en termos fiscais, o modelo dos populares e o dos socialistas son “radicalmente distintos”. Fronte a “rebaixar impostos especialmente ás clases altas, renunciando a recadar nas comunidades autónomas e solicitando constantemente máis fondos ao Goberno de España”, como fai o PP, os socialistas aplican sempre un criterio “claro”, que consiste en que “quen máis ten máis paga”. “Somos un partido de Estado que está afastado dese modelo voluble e oportunista do Partido Popular”, asegurou.

Abel Losada cualificou de “hipocrisía de manual que non se sostén en termos financeiros, nin fiscais nin de equidade” as políticas do Partido Popular, que no 2012 “recollía no seu programa electoral un financiamento ad hoc para Cataluña”, mentres que no 2016 Feijoo vía “perfectamente razoable un financiamento propio” para esa comunidade.

“Ao señor Feijoo e ao PP hai que dicirlles que non están en perigo nin a unidade de España nin o financiamento autonómico. O que está en perigo de verdade é o futuro do señor Feijoo”, advertiu Losada.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario