A Kv2211 celebra o Día da Música cun concerto no Auditorio Municipal do Concello de Vigo

por Redacción Vigo

Orquestra Infantil e Xuvenil de Vigo, Kv2211 festexa o Día Europeo da Música, –que oficialmente é hoxe 21 de xuño–, cun concerto no Auditorio do Concello de Vigo, o domingo 23 de xuño ás 12 horas e que conta coa colaboración do Concello de Vigo. Neste tradicional concerto de verán actuará a Orquestra Infantil, dirixida por Raquel Fernández, e a Orquestra Xuvenil que, nesta ocasión, ten como director convidado a Ernesto Díaz, e que interpretará un repertorio baseado na música cubana, cheo de ritmos e adaptado para orquestra de cordas.

O mestre convidado da OXErnesto Díaz Vega, pon en valor o gran traballo realizado por estes mozos e mozas para interpretar un repertorio de gran dificultade. «A música cubana destaca polos ritmos e neste caso, o repertorio ten o reto de que ditos ritmos foron incluídos na Orquestra de Cordas. O mestre Guido López-Gavilán, autor dalgunha das pezas que imos interpretar foi quen de integrar a música tradicional neste tipo de agrupacións; é a parte máis destacada e difícil do repertorio», explica o director convidado da OX, Ernesto Díaz.

Pola súa banda, a Orquestra Infantil da Kv2211, baixo a dirección de Raquel Fernández, abrirá o concerto, cun repertorio ameno e divertido enfocado aos máis cativos e a un público familiar.

Este concerto polo Día Europeo da Música da Orquestra Infantil e XuvenilKv2211, forma parte da programación musical da Orquestra que conta coa colaboración do Concello de Vigo.

O próximo concerto terá lugar o luns 24 de xuño. A Orquestra Infantil e o Ensemble de Chelos da Kv2211 actuarán na Porta do Sol no marco do «Tac! Festival» que se está a festexar ata o mes de xullo con diversas actuacións.

A Orquestra mantén aberta a incorporación de novos membros –instrumentistas de corda de entre 7 e 22 anos de idade– para comezar no mes de setembro con novas pezas. Todos os interesados en formar parte da Orquestra Kv2211 poden remitir un mail a orquestrakv2211@gmail.com.

BREVE CV DO DIRECTOR CONVIDADO
Ernesto Díaz Vega é Licenciado en Música, Especialidade en Violín, polo Instituto Superior de Arte, A Habana. Como solista e integrante de conxuntos de Música de Cámara e Sinfónicos cubanos presentouse en Rusia, Arxentina, Estados Unidos, México, Perú e España. Membro por varios anos do Movemento de Orquestras Xuvenís de Venezuela como Profesor na Orquestra Sinfónica Xuvenil «Antonio José de Sucre» nas cidades de Cumaná e Carúpano, Estado Sucre. Impartiu clases de Violín, Música de Cámara e Práctica de Conxunto na Escola Profissional de Música de Viana do Castelo, Portugal. Coa Compañía de Ópera «Bengala», da Coruña e como Concertino- Director, percorre toda a xeografía galega ofrecendo funcións de óperas de pequeno formato: «Bastián e Bastiana», W. A. Mozart, «A Historia do Soldado», I. Stravinsky e «Livietta e Tracollo», G. B. Pergolesi. Preséntase coa Orquestra «Solistas da Habana» e co Mestre Iván Valente na capital cubana, interpreta os Concertos de J. Haydn e F. Mendelssohn para violín e orquestra de cordas. Colabora asiduamente coa Orquestra Sinfónica de Pontevedra. Profesor de Violín na Escola de Música «Amadeus», en Vigo, e Berenguela Escola de Música, en Santiago de Compostela..

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario