A pista de balommán instalada na praza de España de Ribeira acolle durante esta fin se semana os partidos da Copa 5×5 Deputación da Coruña, que pretende levar este deporte a nenos e nenas de entre 6 e 11 anos dunha forma lúdica e divertida.
O circuíto, que remata en Ribeira tras o seu paso nos últimos meses pola cidade da Coruña e os concellos de Negreira, Sada, Zas, Oroso e Cedeira contou coa participación de máis de 1.600 deportistas e pretende achegar o deporte do balonmán a todos os públicos e favorecer a práctica desta disciplina deportiva entre os máis pequenos.
Na sede de Ribeira, derradeira do circuíto, participan ao longo da fin de semana un total de 30 equipos e máis de 150 nenos e nenas, o que supón o récord de participación de todo o circuíto.
Na praza de España está xa instalada unha pista de mini-balonmán ao aire libre, con bancadas para 250 persoas para que familias e afeccionados poidan gozar vendo en acción aos máis pequenos/as.
A pista dispón de marcador electrónico, unha gran pantalla LED, megafonía, speaker e comentaristas e nalgunhas sedes incluso un dron para as tomas aéreas do evento, configurando un gran espectáculo para toda a familia no que os pequenos e pequenas deportistas son os protagonistas.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, participará mañá domingo 23 de xuño ás 13.30 horas, no acto de entrega de medallas e trofeos aos gañadores.