Comezan os traballos para dotar á rúa Pintor Villar Chao de dous ascensores

por Redacción A Coruña

A actuación conta cun orzamento de case medio millón de euros e o seu obxectivo é mellorar o tránsito peonil e a accesibilidade

O Concello comezou xa os traballos de mellora da accesibilidade na rúa Pintor Villar Chao, que permitirá a instalación de dous ascensores que salven o desnivel de sete metros entre esta vía e Juan Montes. Esta actuación impulsada polo Goberno de Inés Rey conta cun orzamento próximo ao medio millón de euros e está financiada a través dos fondos europeos Next Generation.

A actuación sitúase na rúa Pintor Villar Chao, que conecta transversalmente a avenida de Oza e a rúa da Mercé, constituíndo un importante punto de tránsito peonil. Ata o de agora, esta zona estaba conectada mediante dous tramos de escaleiras. Para salvar a diferenza de cota entre ambas zonas, decidiuse instalar dous elevadores.

Para reducir a dimensión dos traballos, seleccionáronse ascensores cun foxo reducido, de non máis de 15 centímetros de profundidade, o que permite o aproveitamento máximo do espazo dispoñible. O revestimento será de perfís de aceiro e paneis de metacrilato e haberá estancias paralelas de ladrillo revestidas en pedra que permitirán a conexión do ascensor nos diferentes niveis da rúa. As escaleiras manteranse para garantir o tránsito en caso de que os ascensores estean parados por tarefas de mantemento.

Con esta actuación, ademais de aportar unha solución ao desnivel co menor impacto visual posible, tamén se mellora sustancialmente a accesibilidade a todas as persoas, sexa cal sexa a súa condición. O prazo de execución dos traballos será de oito meses.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario