Representantes da Escola de Danza Oitos (Noia) viaxarán a Noruega para actuar nunhas xornadas sobre o navegante Pietro Querini, cuxa viaxe no século XV é un dos fitos históricos do Camiño pola Ría de Muros Noia
A localidade de Bodø, na rexión de Nordland (Noruega), acollerá o próximo mes de xullo os “Via Querinissima Days”, unhas xornadas dedicadas á figura de Pietro Querini, navegante veneciano que a mediados do século XV fixo unha viaxe dende a illa de Creta ata o Círculo Polar Ártico durante a que deixou perfectamente documentada unha peregrinación de Muros a Compostela. Un evento no que participará a presidenta da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Teresa Villaverde, xunto ao director artístico da Escola de Danza Oitos (Noia), a súa coreógrafa, Vero Martínez, e a bailarina principal, Antía Queiruga.
Isto é así porque a Escola de Danza Oitos, co apoio da Concellería de Cultura de Noia, desenvolveu unha obra inspirada na viaxe de Pietro Querini. Un traballo que espertou o interese da Regione del Veneto, que acordou sufragar os gastos para trasladar a Bodø aos directores da escola noiesa e á alumna Antía Queiruga, quen realizará dúas actuacións durante as xornadas: o xoves 18 de xullo, ás 12:30 horas, e o venres 19 de xullo, ás 17:30 horas.
A presidenta da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Teresa Villaverde, e o concelleiro de Cultura de Noia, José Pérez, mantiveron un encontro con Antía Queiruga e con Vero Martínez, coreógrafa da Escola de Danza Oitos, para preparar o show dance e felicitalos polo seu traballo, que pon en valor a figura de Pietro Querini. Serán dous primeiros adiantos desta obra, que será presentada oficialmente en Santiago de Compostela o próximo outono.
Reunión da Asociación en Noruega
Os artistas noieses estarán acompañados por Teresa Villaverde, quen participará na Asemblea Anual da Asociación Vía Querinisima, da que forma parte a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia. Así mesmo, tomará parte nas reunións cos representantes dos organismos públicos e privados que integran a Asociación para analizar os avances na candidatura conxunta da Via Queirnissima a itinerario cultural europeo do Consello de Europa e as accións culturais e promocionais que se organizarán en toda Europa.
Entre esas accións culturais destaca, precisamente, o estreo do espectáculo de danza baseado na historia do Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia, que terá lugar o próximo outono en Compostela. Un acto ao que xa comprometeron a súa asistencia representantes políticos da Regione del Veneto, da cidade de Venecia e do condado de Norland.
Finalmente, durante a súa estancia en Bodø, Teresa Villaverde ten previsto reunións para analizar o estado do proxecto de rehabilitación do itinerario de Pietro Querini en Galicia, que coincide ao 100% co traxecto do Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia.
Via Querinissima Days
Os “Via Querinissima Days” están organizados polo condado de Nordland, a Asociación Vía Queriníssima e o municipio noruegués de Bodø, no que será o seu primeiro evento como Capital Europea da Cultura 2024. Tres días de reunións e eventos na honra ao navegante veneciano no medio da espectacular contorna do ártico e da sorprendente natureza de Nordland, co seu famoso Sol de medianoite.
Pietro Querini (1400-1448) foi un mariño e comerciante que pertencía a unha das familias máis importantes da Venecia do século XV. No ano 1431 emprendeu unha viaxe comercial a bordo da nave “Querina” que se convertería, de forma accidental e froito dos imprevistos do itinerario, nunha das viaxes máis importantes para Italia e para a documentación histórica do Camiño de Santiago pola Ría de Muros Noia. Por unha banda, Querini documentou e debuxou o itinerario seguido ata a illa de Rost (Noruega), o que hoxe se coñece como a Vía Querinissima: a ruta que abriu un novo camiño á comercialización do bacallau en Italia. Por outra, deixou perfectamente documentada unha peregrinación de Muros a Compostela, que define o punto de inicio do Camiño da Ría de Muros Noia.
A Asociación Internacional Vía Querinissima é unha entidade cultural sen fins de lucro constituída tras dez anos de duro traballo: primeiro cun acordo de amizade entre os municipios de Rost (Noruega) e Sandrigo (Italia) e despois un acordo de cooperación cultural e económica entre as rexións de Nordland e Véneto. Unha iniciativa que aspira a obter a certificación do Consello de Europa como ruta cultural internacional. A asociación está integrada tanto por organismos públicos e privados de Italia, Noruega, Suecia, España e Grecia.
O seu itinerario, denominado Vía Querinissima, inclúe dúas rutas: por mar (a primeira parte da viaxe de Pietro Querini que acabou en naufraxio e que pasou por Muros) e por terra (cando retornou a Venecia co seu cargamento de bacallau). En ambos os dous casos, a asociación promove un turismo cultural e enogastronómico pausado e sostible que une cidades e rexións de trece países distintos.