Deberán presentar o impreso de comunicación previa como uso terciario de hospedaxe para poder desenvolver a súa actividade e darse de alta en Facenda como actividade económica
O Concello da Coruña iniciou hoxe a notificación aos propietarios e propietarias de inmobles cualificados como vivendas de uso turístico da necesidade de comunicación previa da actividade para a súa regulación. Trátase das vivendas inscritas pola Axencia de Turismo de Galicia no rexistro de Empresas e Actividades Turísticas, de acordo co seu uso terciario de hospedaxe e non residencial.
Para desenvolver a actividade, a propiedade do inmoble deberá presentar o impreso de comunicación previa de actividades de uso turístico na vivenda, remitido polo Concello coa notificación. De acordo cos usos turísticos admisibles no PXOM, non se permite implantar actividades de uso turístico nin terciarios sobre pisos ou locais destinados a vivendas de uso residencial.
Das rexistradas como uso terciario, son admisibles como VUT as sitas na planta baixa e planta primeira nos edificios de vivendas nos que se permita o uso hostaleiro e hoteleiro (normas zonais 1,2,3) e en edificio exclusivo (normas zonais 1,2,3,4 e 5). Ademais, e de acordo co Plan Especial de Protección da Cidade Vella e Pescaría, poderán admitirse edificios exclusivos xunto cos localizados en planta baixa e plantas altas vencelladas á planta baixa en zona PEPRI (Ensanche e Pescaría Norte).
O Concello ten habilitado un visor do PXOM da Coruña para a consulta, por enderezo ou referencia catastral, da cualificación zonal pola que se rixe o inmoble: https://ide.coruna.gal/visores/PGOM13/. Os propietarios poderán presentar a comunicación previa telematicamente, a través da sede electrónica, ou de xeito presencial. Tamén deberán darse de alta en Facenda como actividade económica. O Concello ten instado xa en dúas ocasións á Xunta para que teña en conta a normativa municipal á hora de conceder novos permisos para a apertura de máis vivendas deste tipo.
O Goberno de Inés Rey avanza na regulación de vivendas de uso turístico, aprobando unha taxa específica de lixo para as VUT no 2022 e creando unha mesa de diálogo entre sector e entidades afectadas para avanzar na normativa municipal. «Estamos traballando na regulación das Vivendas Turísticas, para o que proporemos unha ordenanza baseada no noso Plan Xeral», explicou a alcaldesa, Inés Rey. A mesa volverase reunir este próximo xoves 27 de xuño para traballar xa nun bosquexo da nova ordenanza reguladora: «Consideramos necesario que tamén se implique a Xunta, e facelo conxuntamente co resto de cidades de Galicia», concluíu.