Máis de 250 persoas de 11 colectivos da provincia percorrerán, entre esta semana e o mes de xullo, o patrimonio natural, histórico, gastronómico e cultural dun total de 9 concellos lucenses
A Deputación de Lugo arrancou este mércores a cuarta edición do programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia, do que se beneficiarán preto de 2.000 persoas de 80 asociacións e colectivos lucenses. Nesta cuarta tempada os usuarios e usuarias viaxarán en dúas quendas que permitirán coñecer a provincia en verán, dende hoxe e ata o 19 de xullo, e en outono, de setembro a outubro.
Entre esta semana e o de xullo viaxarán máis de 250 persoas de 11 colectivos da provincia, que percorrerán o patrimonio natural, histórico, gastronómico e cultural de 9 concellos lucenses. A primeira entidade beneficiaria, a asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa, visita no día de hoxe o Museo do Ferrocarril, o conxunto monumental de San Vicente do Pino, e o Centro do Viño da Ribeira Sacra. A ruta partiu do Mazo de Santa Comba onde o grupo foi recibido polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.
O Deputado destacou o éxito continuado deste programa dende a súa posta en marcha, subliñando o seu obxectivo de promover o coñecemento da provincia e ao mesmo tempo apoiar os sectores da hostalería, turismo e comercio. “Esta iniciativa reflicte o compromiso da Deputación en consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible e capaz de atraer visitantes ao longo de todo o ano”, apuntou Rivera Capón, quen subliñou, ademais, que este programa busca valorizar o patrimonio local e fomentar a creación e mantemento de emprego, especialmente nas áreas rurais.
Nesta tempada do 2024 o Coñece a túa Provincia, volverá a ter como punto de partida unha das dependencias de titularidade provincial como pode ser o Pazo de San Marcos, o Centro de Produción Audiovisual, a Granxa Gayoso Castro, o Centro de Interpretación Terras do Miño ou o Mazo de Santa Comba.
Ademais, incluirá como en anos anteriores o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, menú de xantar e entradas e visitas ós diferentes lugares de interese. Con cada grupo irá en todo momento un guía acompañante. As visitas serán realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal encargado de atención ó público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.