Un total de 84 concellos da provincia se adheriron á campaña, «que se alongará máis aló do 28 de xuño para poder sentirnos orgullosas de ser e sentir cada día do ano» apuntou a deputada
A área de igualdade, lingua e dereitos civís da Deputación da Coruña, liderada pola deputada Soledad Agra, pon en marcha, por sétimo ano consecutivo, unha nova edición da súa campaña «Liberdade de ser e sentir», con motivo da conmemoración do 28 de xuño, día da diversidade sexual. A deputada presentou esta mañá a campaña, á que se adheriron 84 concellos da provincia, acompañada de membros da asociación Alas A Coruña; o Colectivo CBV #ChamizoBelloVila e a produtora Mala Herba, que participaron no deseño das actividades.
Actividades da campaña
«As actividades que hoxe presentamos van continuar máis aló do 28 de xuño», explicou Soledad Agra, «xa que queremos poder sentirnos orgullosas de ser e sentir cada día do ano». Faladoiros e obradoiros de sensibilización en diferentes concellos da provincia; unha obra de teatro que transita entre a violencia que sofre o colectivo; material didáctico audiovisual para os concellos e entidades e a instalación dun punto informativo na coruñesa praza de Lugo o 29 de xuño son algunhas das actividades que inclúe a campaña, e que se suman ao congreso «Memoria diversa» celebrado os pasados 31 de maio e 1 de xuño.
Obradoiros e Punto de información
A asociación Alas A Coruña impartirá obradoiros de sensibilización en 10 concellos da provincia, «espazos seguros de debate e conversa, fronte á desinformación e os discursos de odio, para desmitificar, romper prexuízos e achegarnos á cidadanía dunha maneira bonita» explican dende a entidade. Ademais, contarán cun posto informativo na Coruña, na praza de Lugo, o sábado 29 de xuño de 11h a 15h, «onde estaremos a pe de rúa falando coa veciñanza, ofrecendo información a través de xogos e dinámicas participativas e, por suposto, repartindo diversidade e pluma», engaden.
Obra de Teatro
Outra das actividades é a obra de teatro ‘Menú do día’, do Colectivo CBV #ChamizoBelloVila, que contará con 5 representacións en diferentes espazos. Trátase dunha peza «que pon o foco nas violencias que sufrimos as persoas LGTBIQ+; un ‘menú do día’ que temos que comer si ou si», afirma Alberte Bello. «É a nosa primeira creación e nace dun traballo en proceso». Revelándose desde a resiliencia nunha festa pola diversidade, esta obra pon de manifesto «de xeito transversal», que «estamos preparades para ser libres dunha vez por todas».
Materiais divulgativos
Ademais, a produtora Mala Herba vai «desmontar prexuízos», tal e como afirmaron, a través dunha serie de materiais e pezas audiovisuais que se repartirán entre os concellos adheridos e se poñerán a disposición de toda a cidadanía na páxina web da campaña seresentir.gal. «Queremos desmitificar bulos, e tamén falar de cousas máis cotiás, problemáticas que están á orde do día e que aínda sufrimos na actualidade».