Libres. Por  @DulceCorcu

por Dulce Corcu

Parece que o somos, que en pleno século XXI ningunha muller, no ámbito que sexa, sufrirá calquera tipo de violencia polo feito de selo. Mais temos probas cada día de que non é así, con dúas mulleres asasinadas no que levamos de mes por un machismo que non entende de estacións e, tamén, ese outro maltrato que se deriva do acoso nas redes sociais coma o que veñen de vivir dúas xogadoras da elite futbolística por unha foto en roupa de baño a bordo dun iate. 

Misa e Jenni Hermoso só posan contentas e relaxadas, o propio de cando estás de vacacións, pero abondou esa foto inocua para que o latexante machismo saíse de novo á superficie, vomitando sobre elas o atraso endémico no que están instalados. Dous homes na mesma actitude xamais terían sido fustigados desa maneira, porque un par de santos varóns desfrutando en bañador e lucindo músculo non serían obxecto desa carraxe, nin probablemente o primeiro que pensaría ninguén é que fosen gais. Espertarían envexa e admiración. Elas non. Elas teñen que ser bolleras, tortilleras, machorras…Hai non poucos adxectivos despectivos nas mensaxes que públicamente recibiron para referirse a unha opción sexual que nin sequera coñecen, pero que xa lles foi adxudicada porque son dúas mulleres divertíndose. Se non hai un home preto: lesbianas.

No deporte en xeral e no fútbol en particular, desmerecer ás xogadoras é tan habitual que ás veces nin nos chama a atención. Pero se queremos que as xeracións futuras como Julia e Chloe, da Escola Cabrejo do Concello de Camariñas vivan realmente libres, temos que pelexalo cada día en todas partes. Porque o merecen e porque o que sexan ou queiran ser, só lles pertence a ELAS. 

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario