Menor destacou o «clima de extraordinario entendemento institucional» e puxo en valor o cremento constante do Campus de Ourense, «converténdose por si mesmo nun motor económico a maiores de ser de por si un motor de coñecemento, de divulgación científica, investigación e formación»
A Deputación e a Universidade de Vigo veñen de reforzar a súa cooperación con senllos convenios anuais de colaboración. No acto de sinatura destes documentos participaron o presidente provincial, Luis Menor, e o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, acompañado polo vicerreitor do Campus, Javier Rodríguez Rajo.
«Temos claro os obxectivos e a necesidade de colaboración, de aí a sinatura destes convenios», expresou Luis Menor, quen destacou o «clima de extraordinario entendemento institucional» entre a Deputación e a Universidade. Menor salientou a importancia destes acordos para seguir apoiando o cremento do Campus de Ourense, «converténdose por si mesmo nun motor económico a maiores de ser de por si un motor de coñecemento, de divulgación científica, información e formación».
Manuel Reigosa cualificou ambos convenios «de enorme importancia, porque moitas das actividades incluídas non serían viables sen esta axuda da Deputación», sinalando que con esta achega poderán continuar «traballando para que o de Ourense siga sendo o único Campus que medra, captando alumnado e mellorando servizos».
Os convenios asinados baséanse, por unha banda, na promoción de acción universitarias relativas á promoción da formación en turismo, cunha dotación provincial de 80.000 euros. Así, entre as actuacións indicadas contémplase a dotación de actividades para fomentar o turismo na provincia, asociado sobre todo ao termalismo e o reto demográfico, cunha campaña promocional para atraer alumnado ao Campus de Ourense.
Precisamente, neste aspecto o presidente provincial, Luis Menor, calificou ao turismo como «sector estratéxico que non para de medrar e é extremadamente competitivo, e por iso en Ourense hai moitas posibilidades para as que temos que traballar na súa posta en marcha».
Neste senso, o reitor explicou que «pensamos que Ourense ten o seu futuro vinculado ao turismo e o termalismo, como elemento tractor da provincia e por eso é importante captar talento neste eido para o Campus de Ourense», destacou o reitor Manuel Reigosa.
Cultura, mobilidade, investigación e apoio ao estudantado no rural
O segundo convenio, dotado con 220.000 euros, está destinado para a a promoción e o fomento de actuacións e programas en materia de cultura, educación e deporte e que redunden en beneficio da sociedade e do interese xeral da provincia. Mobilidade, grupos de investigación, achegas moi importantes para actividades de extensión cultural, axudas relacionadas co estudantado no rural, bolsas para investigación, etc…
Abranguerá o programa de extensión universitaria, cursos e obradoiros de extensión universitaria exposicións, roteiros culturais, cursos de formación teatral e colaboración con outras entidades na organización da MITEU, actividades do coro do Campus de Ourense, celebración do Día das Letras Galegas e do Día de Rosalía, como actividades consolidadas e sen detrimento doutras iniciativas culturais que impulse e organice a Vicerreitoría. Tamén servirá para apoiar o Programa específico e apoio a grupos de investigación do Campus de Ourense (INOU 2024); o Programa de apoio á mobilidade estudantil para o alumnado do Campus; Programa de bolsas para o alumnado do rural ourensán e o Curso Avanzado de Posgrao Didáctica da Ficción e Creación Literaria.