Recordou que as metas que se marca a Axenda 2030 das Nacións Unidas buscan un equilibrio entre sustentabilidade e progreso
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, defendeu hoxe en Santiago a colaboración entre todas as administracións públicas como un aspecto clave para lograr os obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) recollidos na Axenda 2030 da ONU.
Durante a presentación do «Atlas urbano da sustentabilidade en Galicia», que tivo lugar na Casa RIA, Formoso recordou que a finalidade dos ODS é marcar un rumbo para a sustentabilidade e o progreso, polo que invitou a buscar un equilibrio entre ambos propósitos.
O presidente provincial aplaudiu o Atlas como «unha boa ferramenta», útil tanto para o eido público como para o privado, e agradeceu que conteña unha «análise prudente» da situación dos ODS nas cidades galegas. Destacou tamén a necesidade de dispor de indicadores e de interpretalos para comprobar «se estamos no bo camiño» e felicitou ao equipo responsable da iniciativa por incorporar nesta segunda edición do estudo factores socioeconómicos que amplían a visión respecto da primeira publicación.
Formoso invitou tamén a continuar con ese traballo e incluír en vindeiras edicións perspectivas complementarias á local, xa que moitos dos indicadores que recolle o estudo transcenden ás competencias municipais, como poden ser a sinistralidade laboral ou o saneamento, un aspecto este último no que as entidades locais «si teñen competencias, pero necesitan da colaboración doutras administracións». Sinalou, tamén, que en outras ocasións dáse a situación contraria, cando a Administración autonómica ou estatal precisa de colaboración da local para desenvolver determinadas políticas ou proxectos.
«Para poder cumprir os obxectivos de desenvolvemento sustentable non chega co labor municipal. É necesaria a acción autonómica e estatal», concluíu.
Concordou con el a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que tamén participou na presentación e que subliñou a necesidade de «impulsar a coordinación» entre as administracións e que «Galicia ten que ser ambiciosa nos obxectivos de desenvolvemento sustentable».
O «Atlas urbano da sustentabilidade en Galicia» está promovido por Economía Digital Galicia e conta entre os seus colaboradores coa Deputación da Coruña. Julián Rodríguez, director do medio de comunicación, destacou que a publicación é froito «dun ano de traballo» e que o que pretende é afondar no grao de cumprimento dos ODS nas sete cidades galegas. Na presentación participou tamén Xosé Gabriel Vázquez, sociólogo e profesor da Universidade da Coruña que dirixiu o estudo.