Os Carunchos presentarán o seu último traballo dedicado integramente ao poeta chairego. A banda Sons e Soños estará acompañada pola soprano Tabea Graser
O próximo 13 de xullo, sábado, celébrase na carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, a XI edición do Convivio da Cultura Galega, actividade festiva que organiza a Casa-Museo Manuel María xunto á Federación de asociacións culturais Galiza Cultura e que conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Este ano, o Convivio ten algo de especial pois están a piques de se facer vinte anos do falecemento de Manuel María, acontecido o 8 de setembro de 2004. O poeta chairego, que gostaba moito das festas populares, será celebrado un ano máis na música das diferentes formacións que pasarán pola festa, e de xeito moi especial pola Banda xuvenil Sons e Soños, dirixida por Armando Morales, e polo grupo de música tradicional Os Carunchos.
A banda Sons e Soños está formada por músicos xuvenís de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, e estrearán para a ocasión a peza titulada Terra Chá, composta por Carlos Seráns sobre un texto de Manuel María. Para esta e outras cancións estarán acompañados pola soprano e profesora de canto Tabea Graser.
Pola súa parte, Os Carunchos, banda de música tradicional do sur da Galiza que ten máis de trinta anos de andaina, presentará ás 18 h o seu último traballo dedicado integramente a Manuel María. Entre os carballos, ameneiros e bidueiras de Santa Isabel soará Unha gorxa chea de paxaros, que celebra a palabra do poeta poñéndolle música a algúns dos seus poemas emblemáticos como «A fala» ou «Galiza» e outros menos divulgados como «O poder de esquecer» ou «Tríadas dos soños». En calquera caso, trece temas de música de festa para desfrutar, bailar e ser acompañada polo público. O traballo, que é o oitavo do grupo, acaba de ser editado por Xerais nun libro-disco que conta con textos de Xurxo Souto e de Xaneco Tubío.
A xornada festiva comezará ás 11.15h, sendo a Casa-Museo Manuel María o punto de encontro e a coral Solfa a encargada de lle dar a acollida a festeiros e festeiras. De alí sairase cara ao cemiterio para levar a cabo unha pequena ofrenda a Manuel María e Saleta. Neste caso será Xosé Lois García, escritor chantadés moi unido a Manuel María, que dirixirá unhas palabras de lembranza para o escritor e a súa compañeira Saleta.
Desde as 12:30h a festa discorrerá na Carballeira de Santa Isabel. Alí, despois da actuación da banda Sons e Soños, celebrarase un xantar de convivio para o que a organización pon a disposición mesas e cadeiras con reserva. A festa continuará pola tarde, ás 16.30h, cunha foliada conducida por Xurxo Souto, e onde non faltará a música de Parabéns, Tradivivas Agra, Vento Mareiro e Reviravolta, que darán paso posteriormente aos Carunchos.
Durante a mañá, as directivas das entidades que conforman a federación Galiza Cultura manterán un encontro, ás 12.15, no auditorio da Casa-Museo para articular a súa actuación en común para o próximo ano.