Os concelleiros do PP de Monforte destapan “unha nova mentira” de José Tomé que, nos plenos de abril e maio a preguntas do Grupo Popular, afirmara que Monforte estaría desbrozado ao remate de xuño pero “non moveu nin un dedo”.
A voceira popular, Katy Varela, explica que xa estamos en pleno verán e con temperaturas en Monforte que superan practicamente a diario os 30º, polo que “esta debería ser unha das preocupacións do alcalde, por seguridade para evitar posibles incendios”.
Neste senso, os concelleiros populares estiveron recentemente en Piñeira, tras recibir numerosas queixas dos veciños, xa que hai numerosas eivas como que a zona peonil da estrada principal, de titularidade da Deputación Provincial de Lugo, entidade que preside José Tomé, “está sen desbrozar, ocupando a maleza a beirarrúa e a beiravía, impedindo o paso dos peóns” nunha parroquia moi poboada e moi próxima a unha zona escolar e deportiva.
Nunha situación semellante están moitas outras parroquias polo que “agardamos que nos próximos días o alcalde corrixa esta situación” xa que “mantén Monforte nun estado de abandono que non imos a permitir”.