O PP de Lugo solicita o reforzo do persoal do Museo Provincial na quenda de tarde, que só ten tres guías para atender as 29 salas

por Redacción Lugo

Antonio Ameijide pide o reforzo do servizo para garantir unha mellor cobertura da atención aos visitantes xa que, segundo confirmou o propio goberno provincial, aumentou o número de visitas trala chegada do cadro de Velázquez ‘Sibila’.

Os deputados do Grupo Provincial Popular piden o reforzo do persoal do Museo Provincial na quenda de tarde, na que unicamente hai tres persoas para atender os máis de 5.000m2 e as 29 salas desta instalación.

O voceiro provincial, Antonio Ameijide, explica que, segundo os datos aos que tivemos acceso, hai 6 persoas durante a mañá e só 3 pola tarde. “Semella acaído equiparar un pouco as quendas de traballo xa que durante o verán aumenta o número de turistas polo que se debería de repartir a atención en horario de mañá e tarde”, sinalou.

O popular explica que nas últimas semanas aumentou o número de visitantes que vai ao Museo Provincial, tal e como recoñeceu o propio goberno provincial, a raíz da presenza do cadro de Velázquez ‘Sibila’: “o máis razoable é distribuír o máis equitativamente posible o persoal para atender aos visitantes que percorren as 29 salas do Museo”.

PROCESO DE SELECCIÓN DE PERSOAL

O popular tamén se fai eco de queixas realizadas por algúns dos aspirantes xa que explican que supostamente había relacións de parentesco entre algún dos aspirantes e algún os membros do tribunal. “Queremos saber se isto é así e se o goberno provincial estaba ao tanto, e no caso de ser certo, que van facer?” .

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario