PP Lugo: «PSOE e BNG cumpren un ano de sectarismo cos concellos e abandono das estradas provinciais»

por Redacción Lugo

Cando se cumpre un ano do mandato de PSOE e BNG á fronte da Deputación de Lugo, dende o Grupo Provincial Popular fan un balance destes 365 días nos que “PSOE e BNG viciaron totalmente as súas competencias, ao desatender por completo o mantemento das estradas provinciais e ao tomar unha postura sectaria na colaboración cos concellos”.

SECTARISMO NA COLABORACIÓN COS CONCELLOS

José Tomé, o PSOE e o BNG tomaron unha postura “sectaria” na colaboración cos concellos a través da súa “política de amiguetes” xa que unicamente axudaron a municipios gobernados por socialistas ou nacionalistas.

PSOE e BNG empregaron neste ano a Deputación de Lugo “como a súa chequeira de man”. A través de convenios a dedo beneficiaron a concellos afíns mentres que marxinaron a máis da metade dos municipios da provincia de Lugo “soamente porque os seus veciños decidiron que a mellor opción para dirixir o seu municipio era o Partido Popular”.

Durante o 2023 destinaron case 15M€ (14,7M€) en 93 convenios – aprobados en xunta de goberno – que tiveron como beneficiarios, practicamente en exclusiva, a Concellos gobernados por PSOE e BNG. Tendencia que mantiveron nos primeiros meses de 2024, xa que so no primeiro trimestre deste ano destinaron 900.000€ a convenios que o presidente da Deputación deu a dedo – vía xunta de goberno ou vía decreto – aos que hai que sumar, entre outros, os convenios destinados a rescatar a “neglixente xestión” dos socialistas a fronte de diversos municipios, como poden ser Pol, Meira ou Viveiro, entre outros, nos que a intervención da Deputación foi fundamental para que puidesen pagar gastos correntes.

O segundo exemplo é o Plan Único, rebautizado como Plan Deputación. O goberno provincial baixou ou conxelou a partida destinada a 62 dos 67 municipios da provincia (baixa a achega a 34 Concellos, máis da metade dos municipios da provincia) cando o orzamento da Deputación de Lugo se incrementou en preto de 6 M€.

Un plan “inxusto” porque subiu a aportación aos 5 concellos con maior poboación da provincia (Lugo, Monforte, Vilalba, Sarria e Viveiro), todos gobernados por socialistas ou ex socialistas, aumentándolles 50.000€ a cada un, deixando de lado aos concellos pequenos, que son aos que debe apoiar especialmente a institución provincial segundo a Lei 7/1985 reguladora das bases do réxime local.

A proposta do Grupo Provincial Popular foi un incremento dun 30% para o plan de cooperación cos Concellos, é dicir, uns 6,5M€ aproximadamente, que se poderían obter “dos fondos que o goberno que preside Tomé dirixe a convenios a dedo ou cos fondos nos que se incrementou o orzamento provincial para 2024”.

De feito, o presidente da Deputación leva anos sen recibir aos alcaldes do Partido Popular que lle solicitaron entrevistas para poder avanzar en asuntos de importancia nos seus municipios, pero José Tomé négase “co que dá as costas á máis da metade de veciños da provincia”.

NULO MANTEMENTO DA REDE DE ESTRADAS PROVINCIAL

A Deputación de Lugo conta coa rede de estradas máis extensa dunha Deputación de España, máis de 4.300 quilómetros, “un argumento que o goberno provincial esgrime para xustificar o nulo mantemento que realiza das estradas” que, na actualidade “son perigosas”.

O que obvian no goberno de socialistas e nacionalistas é que esta rede de estradas fíxoa realidade un goberno da Deputación co Partido Popular á fronte “con moitos menos recursos dos que agora manexa José Tomé e os seus socios de goberno”.

A realidade é que todos os municipios da provincia “agás aquel no que o presidente da Deputación é alcalde” presentan numerosas eivas como fochancas ou blandóns. Por exemplo, as estradas provinciais de A Pobra do Brollón con baches máis grandes que un turismo ou Lugo onde “houbo que prohibir a circulación en Bóveda dado o perigo que supoñía circular por ese treito de estrada”.

PSOE E BNG PERMITEN QUE SEXAMOS A PROVINCIA MÁIS ILLADA

Unha ausencia total de mantemento que se engade a que Lugo é a provincia máis illada de España. Neste senso, dende o Grupo Provincial Popular critican como “José Tomé hai poucas semanas foi a Ourense a aplaudir a chegada da Alta Velocidade ferroviaria a todas as provincias de Galicia agás Lugo”.

A realidade é que o goberno provincial non fai nada para reclamar ao Goberno do Estado que cumpra os deberes coa provincia, entre os que se atopan a chegada da Alta Velocidade, a recuperación das frecuencias dos trens, o remate das autovías (a Santiago, a Ourense, a da Mariña, entre outras) ou o mantemento das nacionais.

RESIDENCIAS

PSOE e BNG abandonaron o modelo de residencias da Deputación “chegando a criticar o mesmo asegurando que non era o seu modelo”, tal e como recoñeceron dende o goberno provincial, a pesar de que socialistas e nacionalistas comprometeron estes centros.

Son moitas as residencias comprometidas que seguen pendentes de poñer en marcha: Guitiriz atrasada despois de derrubar a Casa da Botica, Cervantes prometida en varias campañas electorais das municipais, A Pobra do Brollón, Folgoso do Courel onde o Concello fixo todo o que lle correspondía pero segue agardando pasos por parte da Deputación dende o 2018, Portomarín, A Pontenova, Pantón ou Ourol.

Por se fora pouco, “hai unha residencia rematada dende fai dous anos, o centro residencial comarcal de Becerreá, que rexeitan publicamente. O abandono ás residencias apréciase á vista de que Tomé botou aos veciños de Becerreá nos últimos dous plenos por pedir a súa posta en marcha”.

Antonio Ameijide aclara que este modelo ademais está privatizado xa que “a asistencia está prestada por empresas privadas que, nalgúns casos, foron denunciadas por traballadoras”.

A pesar de que ao goberno provincial de PSOE e BNG se lles enche a boca ao falar de xestión pública, o certo é que teñen externalizado ou privatizado o servizo de atención aos maiores nas residencias da rede da Deputación.

FALTA DE TRANSPARENCIA

Antonio Ameijide recorda que neste ano José Tomé comportouse como un “aprendiz de ditador” ao negar o acceso aos deputados populares aos edificios de titularidade provincial.

Ante esta situación, os populares tiveron que recorrer á Valedora do Pobo que, na súa resolución de marzo, afirmou que PSOE e BNG vulneran dereitos fundamentais da Constitución Española, entre eles o artigo 23.2. “A Valedora do Pobo esixiu a José Tomé que se garanta a libre entrada das persoas deputadas provinciais ás dependencias da Deputación de atención directa á cidadanía; e que nas dependencias nas que se desenvolvan tarefas propias da Deputación, pero sen atención directa á cidadanía, se estableza un réxime de acceso cunha sinxela comunicación previa”.

Pero PSOE e BNG non só negaron o acceso aos deputados populares a edificios provinciais, senón que tamén impediron o acceso aos veciños da provincia ao salón de plenos de San Marcos “porque non querían escoitar as súas reclamacións”. “Seguramente se protestaran contra o PP poderían entrar todos os veciños que o desexaran, pero como protestan contra a neglixente xestión de PSOE e BNG impídenlles o acceso”, afirmou.

A falta de transparencia do goberno provincial tamén se reflectiu en que José Tomé tenta tecer unha rede de funcionarios afíns nas administracións que controlan para tentar perpetuarse na presidencia da Deputación. “O certo é que é, cando menos curioso, que as mellores notas en diferentes procesos de selección de persoal correspondan a membros do gabinete de Tomé na Deputación”, sinalou.

Situación semellante se deu na selección dos membros do Tribunal Administrativo de Recursos que crearon PSOE e BNG. “Socialistas e nacionalistas aprobaron en solitario a creación deste tribunal e o seu regulamento, normativa que incumpriron ao nomear a dedo aos seus membros”, recordou.

INDUSTRIA E EMPREGO

Neste primeiro ano de mandato, os deputados do Grupo Popular pediron en varias ocasións a posta en marcha dun plan de impulso de solo industrial xa que “o goberno provincial levan anos sen ter o papel relevante que debería ter de impulso industrial e xeración de emprego xa que PSOE e BNG non lle dan a importancia que merecen ás iniciativas que pretenden favorecer o desenvolvemento industrial e económico e a calidade de vida dos veciños”.

Esta plan debe incluír a construción daquelas zonas comprometidas e nas que aínda non se fixo nada (como Baralla, A Fonsagrada ou Triacastela, entre outros) e de impulso á venda das parcelas naquelas xa rematadas (como Castroverde, Baleira ou Paradela, entre outros) xa que segundo os datos aos que tivo acceso o Grupo Popular a Deputación conta na actualidade con máis de 100 parcelas nos diferentes polígonos xa rematados “o que evidencia a falta de interese de José Tomé por incentivar a súa venda e favorecer o asentamento de iniciativas que permitan o desenvolvemento económico da provincia”.

“A política industrial de PSOE e BNG non dá oportunidades aos emprendedores e empresarios da provincia”, sentenciou.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario