A Universidade da Coruña (UDC) e a empresa Greenalia impulsan a Cátedra de Transición Enerxética Greenalia-UDC para a transferencia de coñecemento sobre o impacto do cambio climático, o proceso de descarbonización e a transición enerxética, con especial atención aos seus efectos en Galicia. No marco desta cátedra, convócanse os Premios Galicia Renovable, para poñer en valor proxectos, propostas, análises ou deseños que desenvolvan directa ou indirectamente eixos temáticos relacionados cos obxectivos da Cátedra Greenalia-UDC para a transición enerxética.
Coa posta en marcha da segunda convocatoria destes premios, dáse un paso máis para continuar visibilizando as distintas perspectivas da transición enerxética e o seu impacto en Galicia, así como as oportunidades que se abren nesta etapa.
Así, establécense principalmente as seguintes liñas de traballo: Galicia como rexión enerxética; o seu papel como consumidora, transformadora e xeradora de enerxía; o impacto do cambio climático no desenvolvemento económico e social desta comunidade; solucións de eficiencia enerxética nos distintos ámbitos; xestión dos riscos asociados á actividade enerxética; definición e tratamento dos riscos empresariais relacionados co consumo enerxético; e solucións paisaxísticas das distintas infraestruturas enerxéticas.
Poderá participar o alumnado dunha titulación de grao ou máster, de calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia, que presenten o seu Traballo de Fin de Grao (TFG) ou Traballo de Fin de Máster (TFM) entre o 27 de setembro de 2023 e o 20 de setembro de 2024.
Establécense dúas categorías: para o mellor TFM, un galardón dotado de 1.200 euros; e para os TFG outorgaranse 2 premios, o primeiro, dotado de 1.000 euros e o pago da matrícula dun curso académico nun dos másteres que oferte a UDC para o seguinte curso e, o segundo, dotado de 750 euros ao que se suma tamén o abono da matrícula.
Bases da convocatoria aquí e formulario de participación aquí.