Os socialistas galegos piden que o novo modelo de financiación autonómica reforce o peso do envellecemento e a dispersión poboacional

por Redacción Galicia

Xoaquín Fernández Leiceaga chama a reforzar o modelo común e urxe á Xunta que presente o seu modelo para Galicia

O secretario de Facenda Pública e Autogoberno do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, instou hoxe a reforzar o peso do avellentamento e a dispersión no modelo común de financiación autonómica. Leiceaga presentou o modelo socialista logo dun encontro coa secretaria adxunta de Organización, Ana Pena, a viceportavoz do Grupo Socialista Lara Méndez e a portavoz de Facenda no Parlamento, Patricia Iglesias.

Os socialistas galegos apostaron por incrementar o peso das variables da dispersión e o avellentamento, que representan un maior sobrecuste para Galicia na prestación de servizos como a sanidade e a educación. Ademais, Fernández Leiceaga abriu a porta a favorecer a autonomía tributaria como defenden diversos expertos en financiamento, que permitiría ás autonomías traballar coa fiscalidade directa e tamén indirecta, reforzando a autonomía.

Finalmente, o responsable socialista sinalou á importancia de reforzar o Fondo de Compensación Interterritorial -FCI- un “elemento para a solidariedade e o desenvolvemento que para nós é moi importante”. Avogou por incorporar elementos de nivelación que beneficien a Galicia no futuro modelo de financiación autonómica dentro dun modelo común, que incorpore as singularidades de cada territorio para “darlle solucións a todos”, mesmo incorporando a cuestión lingüística.

Fernández Leiceaga afeoulle ao goberno galego que se teña situado “á marxe” do debate, polo que urxiulle á Xunta que “formule o seu modelo”, e que explique como o vai encaixar dentro do modelo do PP para toda España, xa que ata o momento están a presentar unha proposta “distinta segundo en que territorio”. Sinalou que compre abrir o proceso de revisión do modelo, que foi acordado para un período de 5 anos e leva dende 2014 pendente de revisión.

Explicou que o PP conta cunha Comisión no Parlamento pendente de pechar as conclusións dende o ano 2022 e que aínda non foi convocada para a sesión final. Ademais, nos últimos anos fo presentado un informe da Comisión de Expertos no Congreso e mesmo unha proposta dende o Ministerio para revisar a poboación axustada, que constitúen “materiais sobre os que se pode reflexionar”.

Violencia machista

O responsable socialista comezou a súa intervención de hoxe diante dos medios de comunicación cunha lembranza ás vítimas da violencia machista asasinadas esta fin de semana. Chamou a “facer o posible” por erradicar esta lacra “do noso país e do mundo”, e advertiu que “os que negan esta realidade fan un fraco favor” no obxectivo da súa eliminación.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario