No marco da colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense, a través do Inorde, desenvolveuse nesta semana unha viaxe de familiarización o que participaron unha decena de profesionais do segmento corporativo.
Esta actuación foi coorganizada coa Asociación de Secretariado Profesional de Madrid, da que forman parte especialistas procedentes de grandes empresas de ata 6.000 empregados encargadas de organizar as reunións ou eventos empresariais de corporacións tales como Nokia, Telefónica, Securitas Direct, Sener Group, Técnicas Reunidas, MedVida Partners ou Actren, entre outras.
O obxectivo desta visita foi coñecer a oferta diferenciada da provincia e avaliar diversos espazos singulares adecuados para a programación dos seus eventos empresariais, e tamén os recursos naturais, enogastronómicos, patrimoniais ou termais que contribúen a xerar valor engadido a estas reunións.
Esta iniciativa enmárcase na estratexia para atraer Turismo MICE (Reunións, Incentivos, Conferencias e Exposicións), aproveitado a alta velocidade ferroviaria que conecta Madrid con Ourense en dúas horas e quince minutos e contou coa colaboración de RENFE, promovendo así a descarbonización de destinos.
Durante a súa estancia, as participantes visitaron espazos tanto públicos como privados, tales como o Centro Cultural Marcos Valcárcel, Expourense, o Auditorio de Ourense, os salóns do hotel OCA Allariz e o Museo do Viño de Galicia. A oferta complementaria centrouse en experiencia termais, enoturísticas e tamén eco-sostibles como o ecobarco polo río Miño desde o Balneario de Arnoia.
Con esta actuación a Deputación de Ourense, a través do Inorde, e Turismo de Galicia, continúan potenciando un modelo de turismo que contribúe ao desenvolvemento económico do territorio. O volume de negocio do MICE, segundo un informe presentado pola FEMP o pasado xaneiro, superou nun 8,5% ao rexistrado no 2019 (último ano pre pandemia), chegando a alcanzar os 12.314 millóns en 2023. O informe destaca tamén o modelo sostible, desestacionalizador (xa que achega visitantes todo o ano), e que conta co valor engadido da tipoloxía de turistas con maior capacidade de gasto. En canto a responsabilidade social sinálase que os organizadores buscan formas de reducir o impacto ambiental e contribuír positiva e proactivamente ás comunidades locais que visitan.
A provincia de Ourense conta cun sitio web denominado www.ourensemice.com.