Buscan a un pescador deportivo no encoro de Belesar

por Óscar de Souto

Os servizos de emerxencias buscan a un pescador que caeu á auga cando trataba de recuperar a súa cana no encoro de Belesar. Foi un amigo que pescaba con el quen chamou ao 112 logo de ser incapaz de axudalo e perdelo de vista.

Ocorreu ás 16:30 horas cando o alertador explicou ao 112 que estaban pescando no encoro artificial de Belesar, no Concello lugués de Páramo, cando o desaparecido perdeu a súa cana. Ao tratar de recuperala acabou caendo á auga. O seu amigo tratou de auxilialo, pero non o conseguiu e acabou perdéndoo de vista. Foi nese momento cando relatou os feitos aos xestores Centro Integrado de Atención ás Emerxencias e engadiu que el estaba na beira e precisaba asistencia sanitaria.

De inmediato, desde o 112 Galicia solicitouse a acción dos profesionais sanitarios, dos Bombeiros de Sarria e da Garda Civil.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizou ao seu persoal a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense, que tomou terra no lugar e atendeu ao alertador, que quedara ferido na beira tras tratar de rescatar ao seu compañeiro.

Ao mesmo tempo, os bombeiros confirmaron que localizaran a cana de pescar, pero non ao desaparecido. Pola súa banda, a Garda Civil coordina o operativo e envía a varios efectivos do Grupo de Especialistas en Actividades Subacuáticas (GEAS) e unha unidade de drons.

Nestes momentos, os servizos de emerxencias continúan coas tarefas de busca.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario