O Gran Prix das Carrilanas de Esteiro presenta o cartel da súa XXXV edición

por Redacción Deportes

O evento, declarado Festa de Interese Turístico Nacional, e que no 2023 contou con 35.000 asistentes, conta cunha programación cultural dirixida a todos os públicos, á fin de difundir e poñer en valor todo o imaxinario vinculado aos xogos populares da tradición galega.

O Gran Prix das Carrilanas de Esteiro xa ten cartel para a súa XXV edición, que se celebrará os días 19, 20 e 21 de xullo na comarca do Barbanza. A axencia creativa oleiresa Guillotina Estudio é a responsable do deseño do cartel deste grande evento familiar, declarada Festa de Interese Turístico Nacional e que o ano pasado reuniu a máis de 35.000 asistentes. 

Esteiro acollerá, do 19 ao 21 de xullo, un dos eventos de referencia do verán galego e que xira arredor da promoción e posta en valor das carrilanas, vehículos artesanais, feitos de madeira, que descenden sen axuda de motor polo circuíto de ‘O Maio’, situado na localidade. A singularidade desta festividade, que mantén viva unha proposta que ten a súa orixe nos xogos populares de tradición galega, fai que o Gran Prix das Carrilanas de Esteiro sexa, alén dun orgullo para a súa veciñanza, unha cita ineludible para as amantes da artesanía, da velocidade e da tradición. 

A competición do Gran Prix, que este ano celebrará o 21 de xullo o seu 35º aniversario, está aberta a todas a idades e xéneros e conta con tres categorías: Infantil (que poden pilotar as nenas e nenos menores de 18 anos ou acompañados de maiores), Carrilanas lentas (nas que prima a diversión e os disfraces) e Carrilanas rápidas, a máis espectacular de todas e, posiblemente, a proba de velocidade máis intensa de Galicia.

A inscrición no Gran Prix, que é gratuíta, terá lugar o sábado 20 de xullo, de 12.00 a 15.00 horas, na Alameda de Esteiro. Esa mesma xornada levaranse a cabo as verificacións técnicas e administrativas así como a proba da Pole Position. Toda a normativa sobre o Gran Prix das Carrilanas de Esteiro está dispoñible na páxina web www.carrilanasesteiro.gal

Programación cultural para todos os públicos

O Gran Prix complétase cunha programación cultural, aberta a todos os públicos, que ten lugar durante os tres días de celebración do grande espectáculo galego das carrilanas. Ademais de actividades diurnas, coma concertos para público infantil e familiar, obradoiros ou contacontos, ao programa inclúe un mercado tradicional de artesanía e un festival de música gratuíto, nomeado como Festival das Carrilanas, e que este ano contará coa participación, entre outras formacións, de Tanxugueiras, Sidecars, The Rapants, Mondra, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Capital Voskov, Monoulious DOP, Lontreira e Galician Army. Nas vindeiras semanas daranse a coñecer as actuacións musicais que completarán a programación cultural da festa das carrilanas en Galicia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario