Medio Rural pon en valor o dispositivo de loita contra os incendios forestais galego nun encontro Euromediterráneo en Francia

por Redacción Galicia

O director xeral de Defensa do Monte dependente da Consellería do Medio Rural, Manuel Rodríguez, participou nunha mesa redonda ante autoridades europeas e mediterráneas para abordar cuestións como a prevención, a actuación e a resposta ante os incendios forestais, pero tamén sobre os mecanismos de cooperación entre os estados europeos, no marco da Asamblea Rexional Local do Euromediterráneo. Durante a súa intervención, puxo en valor o traballo que se leva a cabo desde o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia, destacado a nivel nacional e europeo.

Esta xuntanza, celebrada os días 1 e 2 de xuño en Carcasona (Francia), reuniu a responsables de incendios dos Pireneos Orientais franceses, así como a outros representantes de Marrocos para abordar a forma na que se actúa na loita contra os incendios.

Ademais, ao longo destas dúas xornadas contouse coa participación de membros do Comité das Rexións da Unión Europea, que manifestaron a súa vontade de trasladar as conclusións acadadas durante esta asemblea á Unión Europea.

Campaña de alto risco

Este pasado luns deu comezo a campaña de alto risco de incendios. Galicia conta cun dispositivo integrado por máis de 7.000 efectivos despregados nos montes galegos, 3.000 dependentes da Consellería do Medio Rural, e con algunhas novidades recollidas no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga).

A actualización deste ano do Pladiga inclúe a adquisición de seis novas máquinas hidrostáticas polivalentes, compatibles para tarefas de prevención e extinción; a entrada en funcionamento neste mesmo verán da base de medios aéreos de Verín-Oímbra ou a ampliación da rede de vixilancia forestal coa instalación de 24 novas cámaras en 12 localizacións diferentes, chegando ata as 177 cámaras en 88 localizacións.

A maiores, esta mesma semana aprobouse no Consello da Xunta a renovación do convenio co Ministerio de Defensa para contar co exército en tarefas de vixilancia dos montes, polo que se unirán ao dispositivo 30 patrullas terrestres e dous equipos de mantemento móbil.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario