O Concello da Coruña completa a primeira fase de remodelación do Centro de Baixa Esixencia, que dará servizo a persoas en risco de exclusión social

por Redacción A Coruña

A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá as novas instalacións do Centro de Baixa Esixencia de Padre Rubinos, no barrio de Labañou, onde o Concello completou a primeira fase das obras de reforma no antigo albergue da institución benéfico social, co obxectivo de dar servizo a persoas en risco de exclusión social.

Os traballos, que supuxeron un investimento de 715.000 euros, leváronse a cabo na planta baixa e no semisoto do inmoble, espazos que se remodelaron e onde se crearon novas dependencias con capacidade para 29 persoas usuarias. Rey apuntou que «as obras da segunda fase permitirán ampliar os espazos dispoñibles para acoller ata a 16 persoas máis, ata chegar a un máximo de 45». Esta segunda fase executarase sobre o sector oeste da planta baixa.

Esta intervención sobre o antigo albergue da Institución Benéfico Social Padre Rubinos, un edificio construído no ano 1971, chega en virtude do acordo acadado entre o Concello e a entidade en abril do ano 2021, cando se formalizou un convenio de colaboración para recuperar o edificio «cunha finalidade moi clara: adecuar as instalacións para o seu uso social e asistencial, atendendo as necesidades actuais das persoas usuarias».

Un espazo no que tamén se dará apoio profesional cara a unha vida normalizada

O acordo subscrito estipulaba que o Concello asumirá, en réxime de cesión, as instalacións do albergue -unha superficie de case 2.000 metros cadrados-, baixo o compromiso de construír unhas instalacións que cumprisen os requisitos fixados pola normativa para establecer un Centro de Atención Continuada.

Neste sentido, o Centro de Baixa Esixencia da avenida de Labañou complementará os demais recursos cos que conta o Concello para atender a persoas en situación de exclusión social y permitirá que dispoñan de espazos de descanso, facendo uso das instalacións no horario nocturno que se estipule. Entre as novas dependencias destacan as salas polivalentes que se habilitarán para as persoas usuarias, así como o ambigú e aseos.

Inés Rey apuntou, ademais, á importancia do apoio profesional que se lles ofrecerá ás persoas usuarias na instalación: «Cada persoa sen fogar vén de vivir circunstancias distintas: problemas de adiccións, trastornos de saúde mental ou situacións de inadaptación que, por unha razón ou outra, ficaron crónicas no tempo. Son particularidades que debemos ter en conta á hora de apoiar as persoas usuarias na súa transición cara a unha vida normalizada», expuxo a rexedora, acompañada hoxe polo concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, e pola concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa.

Na súa visita ao Centro de Baixa Esixencia, a alcaldesa agradeceu a estreita colaboración da Institución Benéfico Social Padre Rubinos para reconfigurar «un espazo que reafirma que a nosa cidade se mantén á vangarda da loita pola inclusión social».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario