Esta ruta complementa a xornada “Brión, unha historia que contar”, celebrada na Igrexa dos Ánxeles.
O Concello de Brión organiza este domingo 7 de xullo unha peregrinación entre Urdilde (Rois) e Bertamiráns (Ames) seguindo o trazado do Camiño da Ría de Muros Noia ao seu paso polo municipio brionés. Un percorrido duns 8 quilómetros de lonxitude, que se acometerán entre as 10:00 e as 13:00 horas. A participación é totalmente de balde, pero é imprescindible inscrición previa no teléfono 617 421 276.
A peregrinación sairá de Urdilde ás 10:00 horas, para entrar en Brión “pola aldea de A Pedreira, da parroquia de A Luaña, atravesando as ruínas de Paradela e chegando ás aldeas de Gundín, Lago e Buio, xa na parroquia de Os Ánxeles ata a súa igrexa parroquial, continuando cara o Alqueidón e rematando en O Tremo”, explica a concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero.
Mesa redonda
Esta ruta de peregrinación complementa o faladoiro “O Camiño de peregrinación a Santiago”, celebrada esta pasada fin de semana na igrexa parroquial de Os Ánxeles e incluída no ciclo “Brión: unha historia que contar”. Unha iniciativa na que participaron Sebastián Valverde, xerente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia; Manuel F. Rodríguez, xornalista, escritor e máximo responsable da edición da Xacopedia; Cándido Pazos, artista con múltiples obras relacionadas co Xacobeo; e Daniel Pernas, empresario relacionado co Camiño.
Rosa Romero foi a encargada de darlles a benvida e poñer en valor o Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia. “En decembro de 2020, o Cabido da Catedral recoñeceu este itinerario como Camiño de Santiago tendo en conta unha serie de evidencias documentais. Un trazado que segue o camiño que andaron milleiros de persoas, de peregrinos que vindo das terras de Muros e de Porto do Son se dirixían a Compostela”, afirmou a concelleira.
Acto seguido tomou a palabra Sebastián Valverde, quen fixo unha presentación do traballo realizado pola asociación nos últimos anos na busca da oficialización desta ruta xacobea. Un itinerario que conta co respaldo da Igrexa e ao que lle falta a confirmación por parte da Xunta de Galicia. Neste sentido, Valverde recordou que no 2016 a Xunta oficializou algunhas rutas xacobeas “cunha historicidade moito menos documentada que a do Camiño pola Ría de Muros Noia”.
Así, Sebastián Valverde compartiu cos presentes a documentación histórica recollida pola asociación en forma de cartas fundacionais, diplomas, misivas, estudos previos, planos antigos… poñendo o foco en catro feitos históricos documentados: a restauración do Portus Apostoli na Carta Fundacional da vila de Noia (1168); as crónicas dos cruzados Arnolfo e Osborne que dan fe da existencia dunha ruta de peregrinación a Compostela; a viaxe do comerciante veneciano Pietro Querini a Muros (1431), que realiza unha peregrinación a pé ata o sepulcro do Apóstolo; e a carta do rei Carlos V pedindo a liberación de medio cento de peregrinos chegados a Muros no 1524 e que se conserva no Arquivo da Catedral.
Finalmente, Valverde destacou a consolidación do Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia como ruta de peregrinación preferente para todos os tránsitos procedentes do sur de Galicia e ao apoio internacional recibido por este itinerario coa entrada na Asociación Vía Querinissima.
Pola súa banda, Manuel F. Rodríguez aproveitou para presentar o seu novo libro “El viaje al fin del mundo”, unha novela baseada en feitos históricos que parte do roubo da cruz grega de Alfonso III o Magno, unha peza de ouro e xemas, da Catedral de Compostela. Un roubo que se agravará co incendio do retablo onde se mostraba ao público no ano 1921, un feito histórico aínda non resolto.
Así mesmo, aproveitou para reivindicar a necesidade da revisión e actualización dos contidos da Enciclopedia do Camiño de Santiago xa que “está coas 3.000 entradas que fixemos no seu momento cando se editou, o problema xurde cando se volcou a información en Internet, e de aí xurdiu a Xacopedia. O problema foi que ninguén pensou que eses contidos había que reeditalos, actualizados e amplialos. Dende entón está todo parado”.
Finalmente, Cándido Pazos, autor de esculturas como a Porta Itineris Sancti Iacobi “Porta de Europa”, emprazada no barrio de San Lázaro (Santiago), disertou sobre a inspiración do Camiño para as súas obras. Ademais de contar con outras pezas no Camiño como o Arcus Itineris Sanctis Iacobi Lucronii “Arco do Camiño” (Logroño), Pazos amosou o seu interese por facer unha escultura para cando o Camiño pola Ría de Muros Noia consiga a súa oficialización.