O PP esixe o arranxo inmediato da “chapuza” que PSOE e BNG fixeron na LU-P-1201 en Castroverde

por Redacción Lugo

“Unha nova chapuza”. Así definen dende o Grupo Provincial Popular o arranxo da estrada provincial LU-P-1201 que se realizou hai poucos meses xa que “esta mesma semana comprobamos como se comezou a levantar o asfalto novo polas presas e a chapuza dos traballos”.

Os deputados provinciais, Antonio Ameijide e Francisco Balado, xunto ao voceiro popular, Pablo Figueiras, e varios concelleiros populares no municipio comprobaron como o asfalto xa se levantou en moitos puntos: “seguramente coa calor que está a comezar o asfalto restante desaparecerá na vindeiras semanas”.

O voceiro provincial, Antonio Ameijide, explica que “as presas” de PSOE e BNG por asfaltar “levounos a planificar mal estes traballos o que desemboca nun aumento do gasto xa que é urxente arranxar de novo esta estrada provincial”.

“Vemos como hai numerosas fochancas derivadas de que desapareceu o asfalto porque non se agarrou ben. De feito, coa calor destes días basta con camiñar por esta estrada para ver como o asfalto se queda pegado ás solas dos zapatos”, sinalou.

ESTRADA PROVINCIAL LU-P-1203

Os deputados do Grupo Popular tamén lle piden ao goberno provincial reparar a estrada LU-P-1203, unha estrada moi transitada xa que percorre varios núcleos de poboación, ademais de dar acceso a varias explotacións agrogandeiras. “Hai numerosos baches, varios deles de bastante profundidade, antes e despois de curvas e en zonas sombrías, o que aumenta o perigo xa que en moitos casos non se ven senón se coñece ben a estrada”, sinalou Ameijide.

O portavoz popular ve fundamental “actuar canto antes para evitar que a situación empeore e que poida supoñer un perigo aínda maior para os condutores”; pero non sen antes “revisar todas as cunetas xa que hai moitos puntos nos que desapareceron e, nos que aínda son visibles, están cheas de terra e maleza”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario