As emisións galegas de gases de invernadoiro aumentaron o 2,5% en 2022

por Redacción Galicia

A falta de avances no aforro enerxético, a electrificación e o desenvolvemento renovábel lastra a mitigación da crise climática

O Observatorio Galego  da Acción Climática (OGACLI) presenta o informe «As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) en Galicia (1990-2022)», baseado nos datos oficiais para o noso país extraídos do máis recente inventario de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica. As emisións  aumentaron en 2022 por segundo ano consecutivo, desviándose aínda máis dunha traxectoria de descenso compatíbel co Acordo de París.

As emisións brutas (1) de gases de invernadoiro causantes de cambio climático ascenderon a 19.461.143 toneladas en 2022, o que supón un crecemento do 2,5% con respecto a 2021. O maior incremento rexistrouse no sector enerxético (+36,9%, +1.026.484 t), debido á caída da produción hidroeléctrica pola seca, ao estancamento da potencia eléctrica renovábel e ao aumento da actividade da refinaría de petróleo da Coruña, o segundo maior foco emisor en 2022 e o primeiro en 2023.

Tamén medraron de forma importante as emisións do transporte de persoas e mercadorías (+5,6%, +279.294 t), atinxindo o valor máis alto desde 2011, a pesar do forte aumento dos prezos dos combustíbeis de automoción en 2022, compensado por axudas públicas. O transporte é o sector que máis contribúe á crise climática global desde Galicia, representando o 27,2% das emisións totais.

En 2022 só se reduciron as emisións de gases de invernadoiro na industria non enerxética e nos fogares.  Un descenso atribuíbel non tanto a  progresos na descarbonización como á suba dos prezos da enerxía a raíz do comezo da guerra en Ucraína e á crise da industria metalúrxica, nomeadamente á parada temporal da planta de aluminio de San Cibrao (Alcoa). A baixada interanual das emisións de GEI na industria durante 2022 non ten precedentes, nin en termos relativos, nin en termos absolutos (-24,7%, -945.459 t).

O sector enerxético fósil e o uso de produtos petrolíferos e gas natural  nos diversos sectores de actividade (transporte, industria, fogares, agricultura,…)  son  responsábeis en conxunto do 72,7% das emisións galegas de gases de invernadoiro. Polo tanto, o mal momento da transición enerxética, con cativos avances en aforro, electrificación e  desenvolvemento renovábel, é un enorme lastre para a mitigación do cambio climático en Galicia.  

Comparación con 1990

Con respecto a 1990, principal ano de referencia para as políticas climáticas, as emisións de Galicia diminuíron o 33%, debido sobre todo á desfosilización parcial do sector enerxético, que reduciu as súas emisións en 11,7 millóns de toneladas (-74,4%). Para iso, foron chaves a substitución da electricidade xerada nas centrais de carbón pola procedente da nova potencia renovábel instalada (maioritariamente eólica) e o incremento do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións rexistrado a partir de 2019.

A pesar da redución nun terzo das emisións totais en comparación con 1990, as emisións por habitante de Galicia (7,2 t) seguen a ser superiores ás emisións medias de España (6,2 t) e só un pouco inferiores ás da UE (7,5 t).

Para contribuír á non superación do límite dos 1,5 ⁰C de quecemento global estabelecido no Acordo de París, Galicia debería diminuír as súas emisións un 65% en 2030 en relación  a 1990. A Xunta comprometeuse verbalmente cunha redución do 55% para 2030, mais demora en concretar unha folla de ruta para o lograr, o que require a revisión da Estratexia Galega de Enerxía e Cambio Climático 2050. Adoptada en 2019, esta estratexia  só procura un recorte do 24,6%, obxectivo superado xa no mesmo 2019, grazas ao declive do carbón na xeración eléctrica.

Para lograr reducións ambiciosas das emisións en Galicia no que resta de década é esencial duplicar á vez o grao de electrificación do consumo enerxético e a potencia eléctrica renovábel instalada, así como pechar as centrais de ciclo combinado de gas fósil de Sabón e As Pontes. Estas centrais eléctricas son actualmente as principais fábricas galegas de cambio climático, xunto coa refinaría de petróleo da Coruña.

Avance 2023

Os datos oficiais sobre as emisións galegas en 2023 non se coñecerán até a primavera do próximo ano. Porén, considerando indicadores como a redución do 23,5% das emisións cubertas polo Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión –un 30% do total das emisións galegas- ou a baixada  do 8,4% no consumo total de gasolinas, gasóleos e fuelóleos, pódese avanzar que as emisións reducíronse en 2023.

O informe «As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) en Galicia (1990-2022)» está dispoñible en https://ogacli.org/wp-content/uploads/2024/07/as-emisions-de-gases-de-efecto-invernadoiro-en-galicia-1990-2022.pdf

Nota

1. Denomínanse emisións brutas porque non se inclúen as emisións/absorcións derivadas do uso da terra, cambios no uso da terra e silvicultura.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario