Na presentación do estudo «A Economía Galega. Informe 2023» da USC, o presidente da Deputación da Coruña puxo en valor a necesidade de que o sector industrial «achegue preto do 20% do PIB».
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presentou esta mañá o estudo «A Economía Galega. Informe 2023», elaborado polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e coa colaboración da institución provincial e Caixa Rural Galega. No acto, Formoso estivo acompañado polos docentes da USC Dolores Riveiro e Melchor Fernández, coordinadores do informe, e Jesús Méndez, director xeral de Caixa Rural Galega
Na súa intervención, Formoso puxo en valor o documento, que «estudaremos polo miúdo, xa que é unha ferramenta moi relevante para tomar decisións que fagan evolucionar os indicadores económicos de Galicia de cara ao futuro». Así e todo, avanzou a necesidade que ten Galicia de dar o paso definitivo para reforzar e aproveitar a súa condición de «territorio enerxético» para «deixar de perder peso industrial» e converterse «nun lugar de futuro e prosperidade».
«Levamos catro anos perdendo peso e emprego no ámbito industrial. Estamos cada vez máis lonxe do 20% do sector industrial no peso de PIB que establece a UE como obxectivo claro, mentres os países máis avanzados se achegan a esa porcentaxe ou a superan. É algo no que temos que traballar se queremos mellorar a economía e a calidade do emprego», apuntou o presidente, que recalcou que «hai indicadores que deben facer saltar as alarmas».
Neste sentido, para Formoso «o sector turístico aporta e é importante, pero ten que ser complementario ao nó gordiano, o sector industrial, xerar coñecemento de xeito transversal a todos os sectores e a transformación alimentaria, tanto do mar como da terra». «Tivemos unha pandemia que pensabamos que nos ensinara cousas, pero non aprendemos nada», continuou o presidente da Deputación, que destacou que non podemos ter un modelo baseado unicamente no sector turístico.
«Creo que o Camiño é un elemento importantísimo da economía galega. Un elemento a protexer, a coidar, a mellorar… pero en calquera caso, quen vai reter o coñecemento dos centros públicos galegos, quen vai facer que a xuventude galega quede en Galicia non vai ser un albergue, senón a industria, que bebe doutro dato moi importante: a aportación enerxética», afirmou o presidente.
Precisamente en relación á enerxía, Formoso incidiu na necesidade de que «as empresas veñan a producir a Galicia porque lles custe menos que facelo en Aragón ou en Baviera». «Aquí pódese producir manufacturas e pódese evolucionar de xeito tecnolóxico cun custo enerxético menor. Polo tanto, ese ten que ser un obxectivo a concretar dunha maneira intelixente, integradora do territorio, respectuosa co medio ambiente e coa idiosincrasia dos pobos galegos. Non hai que renunciar a todo o que ten Galicia e que nos pode converter nunha comunidade de moito progreso e futuro», completou.
O presidente da Deputación da Coruña tamén amosou a súa preocupación pola falta de man de obra: «Algo pasa cando todos os sectores se queixan da falta de man de obra pero hai tres millóns de parados. Non sei se é falta de incentivos, a formación equivocada, o sistema educativo, o sistema de axudas públicas… Algo non funciona no sistema e debería concentrar todos os esforzos para intentar resolver esa ecuación. Porque podería resolver a situación vital de moitas familias en Galicia».
Diminución do peso da industria a pesares das renovables
As verbas de Valentín González Formoso chegaron tras a presentación do estudo, que revela unha diminución continua do peso industrial na economía galega nos últimos anos. A coordinadora do informe, Dolores Riveiro, destacou que aínda que «a actividade industrial tivo un resultado positivo no 2023», existe un «estancamento que se traduce na ocupación do sector industrial».
«O peso da industria manufactureira se mantén no 11,5%. Pero vendo en perspectiva, o resultado non é tan favorable porque a industria manufactureira segue sen chegar aos valores de principio de século. Naquel momento, a porcentaxe do VEB no PIB era dun 12,7%. Hoxe é menor que noutras comunidades autónomas», apuntou Riveiro.
Para a docente, «o incremento de 2,5% do global industrial vén explicado polo incremento da produción enerxética (do 4,9%), que se fundamenta na produción de renovables. Estas renovables xa supoñen tres cuartos da produción de enerxía en Galicia».
Deste xeito, Riveiro destacou que «o peso do emprego na industria respecto do total é cada vez menor. Isto ten implicacións para a produtividade media da economía. Porque a produtividade da industria é máis alta e esa necesidade de incrementala é un deses problemas estruturais do mercado de traballo en Galicia».
O turismo, en auxe e cara a desestacionalización
Caso contrario ao industrial e o do turismo. Porque o sector está en auxe cun incremento do 6,6% dos viaxeiros e unha clara tendencia «á desestacionalización». Así, os ocupados aumentaron en máis dun 15% e o peso da ocupación do turismo con respecto do total é dun 11,3%. Sen embargo, a docente elevou unha reflexión: «Está aumentando a ocupación do turismo no total de ocupados e está baixando a da industria. Isto merecía ser corrixido ou, a lo menos, levar a cabo unha reflexión».
No referente ao sector, destacou que o ratio de vivendas de uso turístico «ten unha intensidade moi grande en municipios como Sanxenxo ou O Grove», pero tamén se atoparon elevados índices «en concellos da Costa do Morte e nalgúns municipios polos que pasa o Camiño de Santiago».
O mercado de traballo e os retos do futuro
Mentres, Melchor Fernández apuntou que «a evolución do mercado laboral en Galicia foi positiva, mellor que nos últimos dous exercicios». Sen embargo, destacou que «ten matices vinculados á precariedade». «Estamos vendo as repercusións dos últimos cambios e vemos un éxito clarísimo sobre un dos marcadores da precariedade, que é a temporalidade. Estamos en mínimos históricos», engadiu.
Ademais, Fernández sinalou cara os retos futuros no mercado de traballo: «Temos un reto coa transición enerxética, outro coa transición dixital e un terceiro que é a transición demográfica». Para o profesor da USC, «a conxunción destes tres retos vai modificar completamente todas as relacións laborais e temos que estar preparados. Está aí e nun futuro moi próximo».
En canto a transición demográfica asegurou que xa é unha realidade que non se está a traducir ao mercado laboral «polo incremento» da inserción laboral de grupos como o feminino. Neste sentido, cómpre destacar que o 70% do incremento da ocupación en Galicia tan só nas últimas tres anualidades corresponde á muller.
Por último, Jesús Méndez, director de Caixa Rural Galega, recoñeceu que «é moi necesaria a reflexión económica que se dá grazas a informes como este». «Todos sabemos que vai haber cambios. Desta vez, estamos avisados», aseverou.