O deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, rexistrou unha iniciativa no Parlamento Galego solicitando ao goberno galego a creación de liñas de transporte público necesarias para cubrir a demanda do alumnado de ensinanzas non obrigatorias da comarca, adaptándoas aos horarios dos centros de ensino.
Para elo, Insua pide ás autoridades educativas da Xunta que elaboren “de forma urxente” un estudo co obxectivo de analizar e coñecer dito alumnado matriculado nos IES da Costa da Morte que precisan transporte público desde as súas localidades no curso 2024-2025, así como que realicen as xestións oportunas coas empresas concesionarias de transporte público da comarca para que cubran a demanda existente.
O deputado nacionalista remarcou que a mobilidade en transporte público na Costa da Morte “é un auténtico desastre, un sistema desmantelado durante anos pola Xunta, sen planificación e sen adaptación ás necesidades reais da veciñanza, obrigando á xente a usar o coche”, e engadiu que «o alumnado de Camariñas non ten liña pra ir a Vimianzo, o de Fisterra vai enlatado a Cee cando non queda apeado, e os de Carnota chegan tarde a clase. Hai que dar unha solución a este despropósito antes de que comece o curso escolar».
Oscar Insua afirmou que “na Costa da Morte o transporte público está incluído na lista de servizos en perigo de extinción, e o pouco que queda está totalmente desmantelado”, e lembrou que son os alumnos e alumnas matriculados en calquera das modalidades de ensino non obrigatorio “quenes máis sofren estas carencias, en concreto no I.E.S. Terra de Soneira de Vimianzo, no I.E.S. Agra de Raíces e no I.E.S. Fernando Blanco de Cee”.