A alcaldesa, Inés Rey, destacou hoxe a oportunidade que se abre para a rexeneración urbana sostible da fachada marítima coruñesa na ría do Burgo.
O Concello da Coruña afrontará a rexeneración urbana da ría do Burgo da man de David Chipperfield Architects e de Ginkgo Advisor, premiado como o Mellor Fondo Ambiental, Social e Gobernanza do ano en Europa. O proxecto, presentado hoxe no miradoiro das Xubias, busca transformar este ámbito combinando obxectivos medioambientais, sociais e urbanísticos, e integrando á cidadanía no proceso de recuperación.
Para conseguilo, o Concello e a entidade subscribirán un convenio urbanístico co obxectivo de desenvolver esta iniciativa que permitirá rexenerar arquitectónica, social e medioambientalmente a fachada coruñesa da ría do Burgo.
O novo desenvolvemento das Xubias responde aos criterios de sostenibilidade e expansión de zonas verdes impulsados polo Goberno municipal, que no pasado mandato apostou por unha modificación do planeamento neste núcleo, cunha proposta de reducción da edificabilidade de máis dun 60% con respecto á aprobada no ano 2013. «Temos por diante unha grande oportunidade para aportar calidade urbana nas Xubias e para contribuír a rexenerar o núcleo tradicional das Xubias, completar o paseo e gañar equipamentos únicos para o uso cidadán, como o Pazo Guyatt e os seus xardíns», indicou a alcaldesa, Inés Rey, quen lembrou tamén que nos últimos anos se rexistraron importantes avances na contorna, como a demolición do esqueleto urbanístico a carón do propio pazo, despois de décadas de desleixo, ou o desmantelamento do asentamento da Pasaxe, que permite agora deseñar a prolongación do paseo.
«Contar con firmas tan prestixiosas como as de David Chipperfield e Ginkgo aporta garantías a un proxecto que será emblemático e contribuirá a unha revitalización e mellora dun dos nosos barrios», indicou Rey.
Os obxectivos do proxecto
O proxecto dirixido polo Concello e dan man de Ginkgo Advisor e David Chipperfield Architects, xunto a un equipo de arquitectos coruñeses, abordará a transformación integral das Xubias con numerosas medidas.
Destaca a transformación do frente marítimo dos antigos asteleiros nun espazo público aberto ao mar. Desde alí, crearase unha senda peonil que unirá a praia de Oza coas Xubias de Abaixo, pasando xunto ao Pazo Guyatt, cuxo xardín se incorpora como espazo público. Para isto, levarase a cabo unha limpeza dos soares industriais da zona.
Ademais, tamén se prevé a reubicación do equipamento deportivo de Valiña preto da praia de Oza, asociado aos novos espazos públicos que haberá na zona.
En paralelo, haberá unha intervención nas rúas incluídas no proxecto de recuperación, humanizándoas mediante a súa peonalización e o regulamento do tráfico, mellorando a accesibilidade e a calidade urbana da zona.
A través deste proxecto tamén se busca fomentar a rehabilitación e utilización de vivendas baleiras ou carentes de uso, así como a renovación daquelas que están en ruínas.
Co obxectivo de promover a cohesión social, o proxecto aposta pola integración de vivendas de protección oficial entre as vivendas libres e pola dotación de zonas verdes para o seu uso público e disfrute por parte da veciñanza, favorecendo así a integración social e a aproximación de servizos.
Colaboración a escala internacional
O Concello apostou pola colaboración con Ginkgo Advisor e David Chipperfield Architects para asegurar a calidade e sostenibilidade do proxecto.
O estudio de arquitectura fundado en 1985 polo arquitecto británico David Chipperfield, galardonado co Premio Pritzker de Arquitectura 2023, aporta unha visión innovadora e respectuosa coa contorna, asegurando que o proxecto se convirta nun referente da rexeneración urbana sostible. O estudio coñecido polo seu enfoque en sostibilidade social e medioambiental, coordinará o deseño e a execución do proxecto desde a súa sede en Galicia, traballando xunto a cinco estudios de arquitectos da Coruña premiados a nivel nacional: Fluor, Abraham Castro, Fuertes Penedo, Trespes e Prieto Patiño. Todos participarán na elaboración das bases que permitirán a redacción do futuro Plan Especial e deseñarán gran parte das novas vivendas que se construirán na zona.
O impacto e beneficios desta iniciativa nas Xubias
Coa rexeneración urbana da ría do Burgo se prevé a resolución de problemas ambientais e tamén se impulsará a dinamización económica e social da zona. O obxectivo é que o proxecto se convirta nun referente de desenvolvemento urbano sostible, mellorando a calidade de vida dos habitantes da Coruña e promovendo a inclusión social.
Neste sentido, o Concello reafirma o seu compromiso coa sostibilidade e o benestar da cidadanía, coa recuperación dun espazo degradado que se transformará nunha área dinámica, ao servizo da comunidade.
Sobre David Chipperfield Architects e Ginkgo Advisor
David Chipperfield Architects é un estudio internacional fundado en 1985 por David Chipperfield, membro da Royal Academy of Arts e premio Pritzker do ano 2023, fundamentado na preocupación pola sostibilidade social e medioambiental da contorna construída, e o seu papel na calidade de vida colectiva.
Ginkgo Advisor é un fondo de inversión cuxa misión é rexenerar terreos industriais desde unha perspectiva sostible. Creado no ano 2010, é un dos grandes actores en Europa especializados en rexeneración urbana sostible, apostando pola creación dun valor baseado en tres eixos: protexer a saúde e mellorar a calidade de vida da cidadanía e as comunidade, mellorar a biodiversidade e aforrar recursos, loitando contra o cambio climático. Foi premiado como o Mellor Fondo Ambiental, Social e Gobernanza do ano en Europa neste exercicio.