Con cinco medallas, catro delas de ouro, a Selección de Galicia regresou dos Campionatos de España de Escolares e Juniors, que tiveron lugar na cidade asturiana de Avilés dende o xoves ata o domingo. Despois de conseguir dous títulos de Estrada por medio da cadete Alejandra Neira nos dous primeiros días de competición, as carreiras de BTT disputadas o sábado permitiron ao combinado da Federación Ciclismo Galego sumar outros tres podios. O infantil Guillermo García logrou a vitoria individual e liderou o triunfo por equipos do cuarteto da Selección de Breogán e o conxunto cadete feminino obtivo a terceira praza.
As carreiras de bicicleta de montaña celebráronse no circuíto de Castrillón e estiveron marcada pola chuvia. A esixencia do terreo aproveitouna Guillermo García, biker que pertence ao Avanza-O Porriño, para vencer en solitario con 19” de marxe sobre Alejandro Diego (Cantabria) e avantaxando en 27” a Marco Latorre (Aragón). O triunfo individual chegou acompañado do primeiro posto na táboa de seleccións por diante da Comunitat Valenciana e de Catalunya , segunda e terceira respectivamente. Pedro Cidrás -oitavo na liña de meta-, Mateo Hermida -décimo sexto-, Lucas Carrizo -38º- e Guillermo García recolleron de mans de Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG, o trofeo como campións.
As cadetes asinaron o quinto e último podio de Galicia en Avilés. Ás portas da medalla individual quedou Iris Santana, cuarta clasificada, e quen liderou a actuación do cuarteto composto por Lara Pita -novena-, Xiana Seijo -21ª- e Elba Hermida -29ª-. As corredoras do combinado dirixido por Alberto del Río recolleron as súas medallas de bronce xunto a Catalunya, que se levou o título, e Andalucía, subcampioas.
Nas outras dúas categorías de BTT, a Selección de Breogán meteuse entre as oito primeiras. Os cadetes remataron sextos unha carreira na que Lucas Lozano cruzou a liña de meta na décimo terceiro posición, Marcos Rodríguez na décimo sétima, Lois Gómez na 31ª e Arón Gómez na 34ª. Pola súa banda, ás infantís correspondeulles a oitava praza por equipos con Marta Utrera concluíndo décimo quinta, Lara Fernández 22ª, María Vázquez 40ª e Leire Mariño 48ª.
Xincanas e juniors
O sábado tamén se disputou a competición de xincana para infantís de Estrada. O mellor resultado galego logrouno Aarón Rodríguez, sétimo nunha proba masculina na que Álvaro Iglesias terminou 28º, Iván López 35º e Adrián Vilanova 59º. En canto á xincana feminina, Vega Aldrey fixo décimo oitava, Antía Torres 29ª, Carla Ballester 40ª e Leire García 54ª. Os rapaces clasificáronse décimos por seleccións e as rapaza, undécimas.
Os catro días de ciclismo en terras asturianas finalizaron este domingo coas carreiras en liña do Campionato de España de Júnior. O pelotón feminino completou 83 quilómetros, un selectivo trazado que se resolveu con Xiana Camiña na 22ª praza, dando tempo a un grupo que entrou a 4’41” da gañadora Paula Ostiz (Navarra), e Lara Fuentes na 47ª, a 15’42ª da gañadora. Nerea Suárez, a terceira representante galega, non puido acabar o percorrido.
A distancia para a proba masculina foi de 136 km e entre os ciclistas dirixidos por Jacobo Ucha destacou Diego López, que rodou fugado e alcanzou a meta na 34ª posición a 3’04” de Marc Zafra (Catalunya), novo campión estatal júnior. A 8’44” do catalán chegou Lois de Jesús, no posto 51º, mentres que Iker Rodríguez, Iván Puentes, Tomás Pombo, Diego Souto, Miguel Fernández e Franra Agrafojo tiveron que abandonar. Deste xeito pecháronse catro días de competición en Avilés para a Selección de Galicia, logo de acudir a este dobre evento cunha expedición récord formada por 45 ciclistas.