O Goberno galego xestiona esta Reserva de aproximadamente 7.800 hectáreas de superficie a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, participaron na xuntanza xunto con outros representantes das entidades que forman parte deste órgano consultivo, no que están presentes as administracións autonómica e local, asociacións de cazadores, organizacións en defensa da natureza e do territorio, Universidade de Santiago de Compostela ou representantes dos particulares propietarios de montes e outros terreos. O Goberno galego xestiona esta Reserva de aproximadamente 7.800 hectáreas de superficie a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Na reunión deuse conta das actuacións programadas para este ano e o seguinte -algunhas delas xa iniciadas-, entre as que destaca a mellora de 48 hectáreas de masas frondosas para incentivar a produción de froito; os tratamentos en 10 hectáreas para axudar á rexeneración da carballeira afectada polos lumes de 2017 en Vilanova do Pedregal; ou os tratamentos de consolidación da reboleira en 11 hectáreas de terreo na zona de Ortigoso.
A Xunta tamén acomete a sementeira de centeo en máis de 6 hectáreas repartidas en 21 lugares, coa finalidade de beneficiar as poboacións de perdiz vermella así como doutras especies. Do mesmo xeito, rozaranse máis de 180 hectáreas de campas e pasteiros naturais co triplo obxectivo de favorecer a gandaría extensiva, as especies da fauna cinexética e silvestre e reducir o risco de propagación de incendios. Estas rozas contribúen a manter libres de matogueira zonas boas para a alimentación da fauna.
A programación inclúe ademais a roza e acondicionamento de pistas e sendas; así como a sinalización de case 44 quilómetros de rutas de sendeirismo con carteis informativos e explicativos da contorna e dos seus elementos singulares.
A reunión tamén serviu para propoñer o plan anual de caza da tempada 2024-2025 consonte ao Plan de Ordenación Cinexética e os censos de poboación de rebezo, perdiz e xabaril. Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia prioriza o gran valor ambiental e natural deste espazo na xestión cinexética.