Mesa en Xinzo este sábado para a recollida de alegacións contra os permisos de minaría a ceo aberto

por Redacción Ourense

A plataforma veciñal STOP EÓLICOS A LIMIA XURÉS CELANOVA e o MOVEMENTO ECOLOXISTA DA LIMIA sumaranse á campaña de información e denuncia da concesión de permisos de prospección de minaría a ceo aberto na Limia.

En concreto, após da publicación no DOGA o mes pasado da exposición pública de tres solicitudes de permisos de investigación mineira que afectan aos concellos de Sarreaus, Laza e Cualedro (denominado Novo Friso) e outros dous que afectan aos concellos de Vilardevós, Verín e Oímbra, a nosa plataforma solicitou información de asociacións ecoloxistas como Petón do Lobo e Adega, e púxose en contacto con grupos ecoloxistas da comarca de Monterrei, como Ecologistas Galego Trasnmontano, que tamén se están a mobilizar contra estes proxectos de minaría a ceo aberto para coordinar accións en defensa do territorio, como se está a facer contra a invasión eólica.

Así, este vindeiro sábado, 13 de xullo, día de feira en Xinzo, instalarase unha mesa informativa no lugar habitual da rúa San Roque entre as dez e a unha da mañá, co fin de recoller alegacións contra o permiso denominado Novo Friso.

Ademais, esta mesma semana iranse habilitando puntos de recollida de alegacións (que estarán a disposición en cada punto e tamén nas nosas redes sociais) en localidades das comarcas da Limia, Celanova, Allariz e Ourense. Informarase de cada localización. O prazo para recoller alegacións remata o domingo 22 de xullo, e a plataforma fará rexistro do lote o luns 23 de xullo.

A día de hoxe, e coa información que puidemos contrastar, lanzamos unha alerta á veciñanza diante duns proxectos mineiros a ceo aberto que, de se levar adiante, suporían uns impactos moi graves nos sistemas hídricos e nos ecosistemas, alén dunha transformación radical da paisaxe e a expulsión da veciñanza de aldeas. Malia que o procedemento está no inicio, e sabemos que mesmo en operacións especulativas (que é o que esta parece) poden levar a loitas de anos, cómpre pórse xa en marcha en defensa do territorio e dos dereitos da veciñanza toda.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario