A Praza de Pontevedra da cidade herculina acollerá, de 20.00 a 00.00h, a cuarta xornada do festival, na que Catuxa Salom dará boa conta -desde ás 21.00h- da súa experimentación coa música tradicional galega, os ritmos latinos e as bases electrónicas
O Atlantic Pride da Coruña vibrará este mércores, 10 de xullo, a ritmo de Shego, Catuxa Salom e Nomi Bull, durante a cuarta xornada do festival, que se desenvolverá na Praza de Pontevedra da cidade herculina de 20.00 a 00.00h. D-Lemma será o dj encargado das pinchadas para abrir e pechar a velada ás 20.00 e ás 23.30h respectivamente. Contra ás 21.00h, Catuxa Salom dará boa conta sobre o escenario da súa experimentación coa música tradicional galega, os ritmos latinos e as bases electrónicas, mentres que a drag gañadora do Premio Miss Deusa 2023 Nomi Bull presentará o seu explosivo directo ás 22.00h. Pola súa banda, tras percorrer nos últimos tempos os escenarios de grandes festivais como o BBK, o Sonorama, o Vida ou o Low, Shego aterrará no Atlantic Pride para facer gala do seu hipnótico carisma, xogando con xéneros diversos como o rock, o pop, o punk e o dance.
PROGRAMA ATLANTIC PRIDE 2024
Mércores, 10 de xullo
Praza de Pontevedra
(20.00 a 00.30h)
20.00h D-Lemma
21.00h Catuxa Salom
22.00h Nomi Bull
22.30h Shego
23.30h D-Lemma
CATUXA SALOM
Catuxa Salom é unha artista galega de raíces arxentinas e unha das voces máis potentes da escena folk electrónica do momento. No seu debut discográfico experimenta coa música tradicional galega, os ritmos latinos e as bases electrónicas, conseguindo unha sonoridade que nos conecta co noso lado máis salvaxe. De Aimogasta ás montañas de Lugo, a artista constrúe un relato cargado de simbolismo, onde a natureza e o movemento están en primeiro plano. O seu directo magnético e vibrante promete ritmos de baile.
SHEGO
Premio MIN á mellor artista emerxente 2023, Shego (Maite, Raquel e Charlotte) xurde da idea punk da creatividade máis primaria e atrevida. En xuño de 2021 lanza o seu primeiro EP, Tantos chicos malos y tan poco tiempo, onde as artistas amósanse cómodas no ecléctico e capaces de xugar con xéneros como o rock, o pop, o punk e o dance, sen necesidade de aferrarse a ninguén deles en concreto. Trala boa acollida deste primeiro traballo, Shego colaborou con figuras como Zahara e Natalia Lacunza e tocou en escenarios como o BBK, o Sonorama, o Vida ou o Low Festival. É nos seus directos onde se descubre o verdadeiro carisma da troupe e a súa enorme complicidade co público. En febreiro de 2023, Shego presenta o seu primeiro LP, Suerte, chica, co que pisan forte e continúan gozando da ambivalencia e a frescura.