A exposición do cadro do Museo Nacional del Prado supuxo unha media de 200 visitas diarias ao Museo, que despediu esta mañá a obra
O Museo Provincial de Lugo contabilizou 6.090 visitas durante a estadía da obra “Sibila” de Velázquez, que se expuxo no refectorio desde o pasado 11 de xuño ata este domingo domingo, 7 de xullo. Das persoas que visitaron o museo durante esas catro semanas, 4.789 achegáronse co propósito de ver o cadro procedente da colección permanente do Museo Nacional del Prado, o que supón unha media por riba das 200 visitas diarias.
Parte das visitas corresponden ás visitas técnicas guiadas, nas que o persoal do Museo Provincial de Lugo ofrecía unha explicación histórica e técnica sobre o obra. Realizáronse 25 visitas en grupo, tanto nos horarios establecidos polo Museo (martes e venres ás 12.30 horas) como nos concertados a través de solicitudes específicas.
A programación divulgativa organizada arredor desta exposición temporal tamén tivo un amplo seguimento: as conferencias Víctor Cageao, coordinador xeral de Conservación do Museo Nacional del Prado (11 de xuño), e de Jaime García-Máiquez, técnico do Museo Nacional del Prado e un dos maiores expertos na técnica de Velázquez (o 27 de xuño), convocaron unha media de 80 persoas no Salón de Actos da Deputación de Lugo.
A deputada de Cultura Iria Castro valorou “o traballo realizado polo persoal do Museo para esta exposición temporal, que supuxo unha oportunidade única para disfrutar en Lugo dunha obra mestra da arte universal” e que “como mostran os datos de visitas e a repercusión social e mediática da mostra, supuxo un impulso para a visibilidade e a proxección do Museo e da cidade de Lugo”
A directora do Museo Aurelia Balseiro explicou que “as opinións dos visitantes corroboran a importancia deste proxecto no só para os lucenses senón para toda Galicia, xa que o de Lugo foi o único museo galego en recibir unha obra dentro do programa A arte que conecta” e referiuse tamén á valoración de técnicos e responsables do Museo Nacional de Prado, que “felicitaron ao Museo polo traballo de conservación,seguridade, difusión, montaxe, programación cultural e divulgación realizado durante a estadía histórica de Sibila en Lugo”.
O cadro, un óleo datado arredor de 1632, expúxose no refectorio do Museo cunha museografía específica, con elementos de iluminación -que se intensificaba a medida que a espectadora se achegaba ao cadro – para facilitar a percepción das cualidades técnicas da obra, unha vitrina en que se recollían documentos derivados da relación que o museo lucense e o Museo Nacional del Prado mantiveron desde hai máis dun século e a proxección dun audiovisual sobre o programa A arte que conecta do Museo del Prado que levou obras das súas coleccións a 18 museos de todo o Estado.
Ademais, a exposición conlevou a posta en marcha de medidas específicas para optimizar as condicións de conservación e seguridade da obra, como a contratación dun servizo de vixilancia específico e a instalación dunha cámara extra e un reforzo dos controis de temperatura e humidade do espazo expositivo.
A exposición da obra de Velázquez reforza a relacion entre os dous museos, especialmente fluída nas dúas últimas décadas. O Museo de Lugo, que conta con trinta obras do Museo del Prado en depósito, expostas en diferentes salas, participou noutros proxectos como a celebración do Bicentenario do museo, editando un tríptico coas obras depositadas ao abeiro do Prado Extendido.