Unha nova edición do Convivio da Cultura Galega, este sábado na Carballeira de Santa Isabel

por Redacción Galicia

Este sábado, 13 de xullo, celébrase na carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, a XIª edición do Convivio da Cultura Galega, que organiza a Casa-Museo Manuel María xunto á Federación de asociacións Galiza Cultura. Unha festa que pretende rememorar aquelas esencias das festas populares das que tanto gostaba Manuel María, como a romaría que se facía no seu Outeiro natal ao pé do río Miño, nas que non faltaba a música e o xantar campestre e demorado. Unha edición, esta, que ten algo de especial pois están a piques de se facer vinte anos do falecemento de Manuel María, acontecido o 8 de setembro de 2004.

A xornada festiva deste sábado comezará ás 11.15h, sendo a Casa-Museo Manuel María o punto de encontro e a coral Solfa a encargada de lle dar a acollida a festeiros e festeiras. De alí sairase cara ao cemiterio para levar a cabo unha pequena ofrenda a Manuel María e Saleta. Será Xosé Lois García, escritor chantadés moi unido a Manuel María, quen dirixirá unhas palabras de lembranza para o escritor e a súa compañeira Saleta.

Desde as 12:30h a festa discorrerá na Carballeira de Santa Isabel, onde actuará a Banda Xuvenil de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, Sons e Soños, queestrea para a ocasión a peza titulada Terra Chá, composta por Carlos Seráns sobre un texto de Manuel María, e que estará acompañada para esta e outras cancións pola soprano e profesora de canto Tabea Graser. Logo do concerto, celebrarase un xantar de convivio para o que a organización pon a disposición mesas e cadeiras con reserva.

A festa continuará pola tarde, ás 16.30h, cunha foliada conducida por Xurxo Souto, e onde non faltará a música de Tradivivas Agra, ReviravoltaVento Mareiro e Parabéns, que darán paso posteriormente, ás 18h, aos Carunchos. Este quinteto de música tradicional que están a celebrar os seus trinta anos de andaina, presentarán en concerto o recente traballo musical que veñen de editar Unha gorxa chea de paxaros, disco dedicado integramente a Manuel Maríaonde non faltan poemas emblemáticos como «A fala» ou «Galiza» e outros menos divulgados como «O poder de esquecer» ou «Tríadas dos soños».

Durante a mañá, as directivas das entidades que conforman a federación Galiza Cultura manterán un encontro, ás 12.15, no auditorio da Casa-Museo para articular a súa actuación en común para o próximo ano.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario