Oito anos de incumprimentos de PSOE e BNG na residencia de Becerreá manteñen aos veciños sen este servizo e á Deputación abocada a indemnizar ao Concello

por Redacción Lugo

O xulgado reclama á Deputación o expediente completo para decidir sobre a posible indemnización ao Concello de Becerreá cando se cumplen dous anos dende que rematou a construción do edificio

As obras para a construción da residencia de Becerreá remataron en marzo de 2022 e tiña que estar en funcionamento antes do 19 de decembro de 2023, pero a realidade é que sete meses despois “segue pechada” sen que José Tomé e os seus socios do BNG se preocupen de poñela en marcha.

Así o manifestan os deputados populares, Antonio Ameijide e Jesús Núñez, que hoxe se achegaron ata esta instalación xunto ao voceiro do PP en Becerreá, José Fernández Carrete, e varios concelleiros.

O voceiro provincial, Antonio Ameijide, recorda que a demanda da veciñanza “segue viva” e que “cada día que pasa coa residencia pechada o enfado aumenta na comarca xa que é un servizo que precisan moitas familias”.

Ameijide explica que, pese a que as obras remataron hai dous anos, o edificio segue sen ter mobiliario e sen contratarse o persoal: “aínda non sabemos se o conectaron á rede eléctrica ou non”.

Unha situación de “parálise” que contrasta co anuncio que o presidente da Deputación realizou en abril deste ano para “priorizar” a posta en marcha desta residencia de maiores. “Xa o dixemos no seu momento e o mantemos, foi unha fuxida cara diante trala demanda presentada polo Concello de Becerreá nos xulgados contra a Deputación de Lugo”, sinalou.

Neste senso, Ameijide afirma que “este anuncio non foi máis que fume e unha escusa” de José Tomé para “tentar defenderse” no caso de que a xustiza lle reclamase responsabilidades por manter este centro pechado.

Un “escudo ou escusa” que tentarán facer valer, pese a que o propio goberno provincial anunciou en novembro pasado que a residencia de Becerreá “non se axusta” ao modelo de residencias da Deputación “a pesar de que foron gobernos de PSOE e BNG os que a construíron”.

Unha situación que a veciñanza de Becerreá e a comarca “non tolera máis” polo que levan moitos meses facendo público o seu rexeitamento ás políticas de PSOE e BNG á fronte da Deputación, chegando ao punto de que “os expulsan dos plenos da Deputación porque non queren escoitar as verdades que lles expoñen estes veciños”.

Edificio vandalizado

Mentres José Tomé, o PSOE e o BNG manteñen pechado este edificio “deteriorándose” co paso dos meses, a realidade é que está a sufrir actos vandálicos. “Xa ten varias portas rotas e forzadas, imaxinamos que por persoas que buscaban roubar no seu interior, resgardarse algunha noite ou agocharse da visión pública para realizar calquera outro tipo de actividade”, denunciaron.

Ademais dos danos ocasionados polos vándalos, hai que contar cos danos propios da inactividade e abandono unidos ao paso do tempo. “Xa son necesarias reparacións, como por exemplo na fachada trasventilada”, argumentou.

Dende o Grupo Provincial Popular presentaranse preguntas no pleno deste mes para coñecer os avances realizados polo goberno provincial para “impulsar a apertura” deste centro, tal e como anunciaron hai varios meses.

Do mesmo xeito, rexistrarase un escrito para ter acceso ao estudo de viabilidade solicitado pola Deputación de Lugo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario