Reunión da FAPACEL coa Inspección e a Xefa Territorial de Educación

por Redacción Lugo

Estiveron presentes a Xefa territorial Sagrario Sánchez Ramil e o inspector xefe, Íñigo Barreiro García e pola FAPACEL Isabel Calvete e Geovana Trelles.

Dende a FAPACEL expoñemos o mal estar das familias polos agrupamentos que se están a facer nos colexios sen respectar o acordo do 2009 en canto a ratios. Eles expoñen que a aplicación do “acordo de mellora” estase cumprindo en 16 puntos e hai 2 que se aplicarán de xeito progresivo. Así lle lo trasladan a eles dende a Consellería, e así, o Xefe de Inspección o traslada ás e ós inspectores e direccións dos centros. Os dous puntos que se van aplicar de xeito progresivo son:

  • A ponderación do alumnado que contabilizarán como unha única praza independentemente das casuísticas que poidan presentar.
  • As ratios de agrupamentos, que non se vai aplicar o acordo do 2009. A ratio que van a aplicar será de 14 nenos e nenas en infantil, 18 en primaria independentemente de ciclos e niveis e se hai nenos de infantil e primaria tamén será de 14 de a ratio.

Isto foi negociado entre a Consellería e a representación sindical

“Tras a xuntanza da comisión de seguimento do Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, que imparte as ensinanzas reguladas na Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación celebrada o venres 21 de xuño, as organizacións sindicais CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP, queremos deixar constancia da valoración que facemos da aplicación do devandito acordo para o curso 2024/25.

Despois de constatar a aplicación satisfactoria da maioría dos puntos do Acordo, queremos denunciar ante a comunidade educativa que existen discrepancias de interpretación en dous apartados do texto:

Cómputo dobre e triplo do alumnado con discapacidade, dependencia e trastornos graves de conduta, en todas as etapas, incluídas Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Réxime  Especial.

Redución de ratio nas aulas que escolarizan alumnado de diferentes niveis, ciclos e etapas, segundo o Acordo de  Agrupamentos  de  10  de  xullo de 2009.

A Consellería pretendía aplicar ámbalas cuestións de forma progresiva e non inmediata, polo que no curso 2024/25 só se aplicaría en 4º de Educación Infantil. Despois dun intenso debate coa parte sindical, presentou  unha   proposta  intermedia coa finalidade de achegar posturas.

En canto ao cómputo dobre e triplo de alumnado con discapacidade, dependencia e trastornos graves de conduta, a  aplicación que finalmente  vai acometer a Administración inclúe as seguintes disposicións:

Centros de Educación Infantil e Primaria nos que haxa soamente unha unidade que sobrepase a razón de 25 alumnos/as, ponderando o que conte dobre ou triplo; analizarase a dotación do persoal do centro e estudarase a posibilidade  de  enviar un  reforzo no  caso de ser  necesario.

Centros de Educación Infantil e Primaria nos que haxa dúas ou tres unidades que sobrepasen a ratio de 25 alumnos/as, ponderando o que conte dobre ou triplo; enviarase un/unha docente a maiores para reforzo.

Centros de Educación Infantil e Primaria nos que haxa catro ou máis unidades que sobrepasen a ratio de 25 alumnos/as, ponderando o que conte dobre ou triplo; enviaranse dous/dúas docentes a maiores para reforzo.

Centros de Educación Infantil e Primaria nos que haxa unidades que sobrepasen a ratio de 28 alumnos/as, ponderando o que conte dobre ou triplo;  estas unidades serán desdobradas.

En canto ao Acordo de Agrupamentos, no curso 2024/25, a Administración aplicará a ratio de 14 alumnos/as nas aulas mixtas de Educación Infantil e, ao longo do vindeiro curso, estudarase o xeito de ampliar a aplicación  deste punto do Acordo.

As organizacións sindicais asinantes do Acordo, CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP, valoramos positivamente os cambios da Consellería fronte á primeira postura, pero non compartimos tal interpretación para esta aplicación:

Con respecto ao Acordo de Agrupamentos; non se recolle no asinado a aplicación progresiva das ratios.

Con respecto ao cómputo dobre ou triplo de alumnado con discapacidade, dependencia e transtornos graves de conduta; este debe ser de aplicación inmediata en todos os niveis e etapas educativas, aplicando os desdobres correspondentes en todas as aulas que superen a ratio máxima.

As organizacións sindicais asinantes do acordo, CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP, solicitamos a toda a comunidade educativa que nos fagan chegar todos os datos correspondentes aos incumprimentos do Acordo que poidan producirse. Pretendemos facer un estudo exhaustivo desta información e non descartamos acudir á vía xudicial para asegurar o cumprimento íntegro do acordado.”

Polo que están aplicando, as ratios, deste xeito. Polos datos que temos so habería esa problemática no CEIP Ramón Falcón, con 16 nenos e nenas polo que ían consultalo.

Tamén expoñemos a preocupación de que vai pasar cando falte algún profesor, argumentan que non sería preciso xuntar grupos, xa que hai profesores de garda e/ou especialistas que segundo a distribución das xornadas poderían cubrir esa necesidade. Manifestamos que esperamos que así sexa, ademais de que den prioridade ás coberturas de persoal, cando nestes colexios polo motivo que sexa falte profesorado.

En canto ao alumnado que precisa apoio educativo o Inspector deixa claro, como así recolle a normativa vixente, que os especialistas de PT e AL son para aquel alumnado de NEE. O alumnado que precisa apoio educativo ten que ser atendido polo titor/a.

Manifestamos a nosa preocupación pola falta   de especialistas para o alumnado de atención preferente que a día de hoxe descoñecemos se van cubrir. En canto a esta cuestión dinnos que están mirando e avaliando as necesidades para ver en que coles afectados van mandar especialistas. Para a semana reúnense coas OOSS para esta cuestión, polo que a comezos da semana seguinte xa terán a información a disposición dos centros. Adiántannos que nalgúns coles sí van poñer algún profesional e manifestan que a idea é que o persoal que está fixo nos centros se encargue do alumnado NEE con atención preferente, e os que veñen por cursos ou puntualmente atendan ao resto do alumnado que o precise.

Por outra banda dende a FAPACEL non lle vemos sentido que asinen  e publiquen no DOG un “Acordo de melloras”, para seis meses despois, modificalo para cadrar as contas  unha vez formalizadas as matrículas.

Volvimos a insistir na necesidade dun Plan específico para o rural, que garanta a calidade do ensino.

Outro dos temas que sacamos a relucir é a falta de profesionalización das persoas encargadas de atender ao alumnado nos comedores escolares e tempos de lecer de antes e despois da comida,nos centros que prestan este servizo e son de xestión directa da Consellería.

Dende a Federación estaremos pendentes de como quedan as ratios segundo as últimas negociacións coas OOSS e se se dota de especialistas as prazas solicitadas para a atención preferente.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario