Fillas de Cassandra publica hoxe o seu novo sinxelo ‘d’ESCARNIO’

por Redacción Galicia

A creación electrónica do dúo vigués é un canto que se sitúa “entre a sátira e a introspección”, e que pretende dar conta “do proceso que supón deixar atrás a furia e os dixomedíxomes”

Fillas de Cassandra publicará este venres o seu novo sinxelo, nomeado d’ESCARNIO. A peza, que se poderá escoitar a partir das 00.00 horas nas principais plataformas dixitais, “é un ritual para desfacerse da ira”. 

Tal e como explican María SOA e Sara Faro, a súa nova creación, en cuxa produción tamén participan Mumbai Moon e Greta Ch’aska, “é unha sorte de cantiga actualizada que se sitúa entre a queixa satírica e un exercición de autocrítica e introspección”. “d’ESCARNIO quere dar conta do proceso longo e complexo que supón abandonar a furia e os dixomedíxomes ata acadar un canto liberador; e que esixe recoñecer e nomear o dano para deixalo ir”, din.

A sutileza das melodías acústicas, a agresividade dos recursos do xénero industrial e as texturas etéreas que se dilúen entre os ritmos máis tribais, vencellados á raíz, ofrecen, como resultado, un tema de corte electrónico e compacto no que a ira se revela como un espazo de forza, mais tamén de vulnerabilidade. 

d’ESCARNIO, o novo tema de Fillas de Cassandra, é unha das novidades que se pode escoitar nos directos da xira Últimas Dionisíacas, na que Sara Faro e María SOA revisitan os temas do seu disco Acrópole desde unha perspectiva máis electrónica e escura. Logo de visitar Marrocos e actuar o pasado sábado canda Ed Sheeran ou Bomba Estéreo no Gozo Festival, as artistas viguesas continuarán o seu periplo peninsular e formarán parte do cartel de citas de referencia, como é caso do Festival de Ortigueira, El Tingladu, Festival de la Luz ou Revenidas, entre outras moitas.

A música de Fillas de Cassandra, en Netflix

Alén da estrea este venres 12 do sinxelo d’ESCARNIO, a música de Fillas de Cassandra, está de actualidade nas plataformas audiovisuais. Se hai uns días II. LISÍSTRATA (varre vasoira) superaba o millón de reproducións en Spotifyao éxito súmase tamén a difusión de canta miña sombra (negra sombra)por ser unha das pezas que se inclúen na banda sonora de Clanesa serie de Netflix que está acadar os primeiros postos en número de visualizacións en distintos países do muno.

Vindeiras datas confirmadas das Últimas Dionisíacas

  • 12 de xullo. Ortigueira. Festival de Ortigueira.
  • 25 de xullo. O Rosal. 
  • 27 de xullo. Vilanova i la Geltrú. El Tingladu.
  • 2 de agosto. Bueu. SonRías Baixas.
  • 3 de agosto. Catoira. Festa Vikinga. 
  • 17 de agosto. Pontevedra. Festas da Peregrina. 
  • 19 de agosto. Pobra do Caramiñal.
  • 21 de agosto. Ferrol. Festas San Roque.
  • 23 ao 24 de agosto. Boimorto. Festival de la Luz.
  • 30 de agosto. Pantón. 13 Roeis Fest.
  • 30 de agosto ao 1 de setembro. Ponteceso. Festiletras. 
  • 13 de setembro. Vilaxoán. Festival Revenidas. 

Escoita d’ESCARNIO 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario