Mercé Barrientos sinala que “o Concello está a abonar facturas mensuais de miles de euros a unha empresa externa e levamos desde maio sen que funcione o servizo de recollida do Punto Limpo e sen recoller coa frecuencia necesaria os plásticos de ensilar”
O BNG de Muxía vén de denunciar que “o actual caos e nefasta xestión” do parque móbil municipal supón un “aumento considerable” dos custos da retirada do lixo, debido a que varios vehículos preparados para este servizo non están operativos e o Concello destina “cantidades moi importantes a pagar a empresas externas por algo que, ata a chegada á alcaldía de Santiago Toba, xestionábase con persoal propio e cun custo moito menor para as arcas municipais”.
Desde a formación nacionalista indicaron que o Concello de Muxía leva un período prolongado cunha parte do seu parque móbil inmobilizado, “cos dous camións de retirada de lixo, e tamén o do Punto Limpo, sen funcionar desde hai meses e incluso anos”, e subliñaron que “un dos camións leva máis de seis meses aparcado no interior do Punto Limpo sen uso; o outro leva anos estacionado na entrada dun taller sen que se saiba o motivo; e un terceiro vehículo, o de recollida de enseres voluminosos, está tamén desde hai meses no interior doutro taller agardando unha reparación, sen que saibamos o motivo de que non se resolva a situación”.
A voceira do BNG muxián, Mercé Barrientos, lembrou que “mentres tanto, na actualidade o Concello está a abonar facturas mensuais de moitos miles de euros a unha empresa externa e levamos desde maio sen que funcione o servizo de recollida do Punto Limpo e sen recoller coa frecuencia necesaria os plásticos de ensilar, o que está a xerar unha longa lista de espera”.
“Ter o parque de vehículos do lixo parado mentres se abonan cuantiosas facturas polo servizo a empresas externas, e se pagan os obrigatorios seguros de camións que están sen uso e deteriorándose, é un exemplo máis dunha xestión nefasta”, manifestou Barrientos, que ademais sinalou que vén de solicitar o contrato e as facturas abonadas pola retirada de lixo neste ano, así como información das cantidades abonadas por reclamacións patrimoniais polo estado das vías municipais, “pero de momento o Concello non me facilitou a información”.
O BNG de Muxía indicou que a ocultación de datos por parte do goberno municipal xa dou lugar á admisión a trámite dunha queixa do BNG ante a Valedora do Pobo, que remitiu ao Concello un requirimento dándolle quince días para responder.