O dúo vigués de black metal en galego Dioivo lanza o seu novo videoclip “Paranoia”

por Redacción Galicia

O tema pertence ao último álbum da banda, Cara os Ceios Incrementes, lanzado polo selo grego Sleaszy Rider Records

Dioivo, dúo de black metal en galego fundado en Vigo en 2016, vén de lanzar o seu novo videoclip «Paranoia», correspondente a un dos temas que forman parte do seu último álbum Cara os Ceios Incrementes. Este disco foi editado polo selo especializado grego Sleaszy Rider Records no pasado ano 2023, e dende entón a banda ten percorrido diferentes cidades e vilas de Galicia e de toda a península para presentalo en directo, como Palma, Madrid, Sant Adrià de Besòs, Gasteiz, Braga, Ferrol, Pontevedra ou A Coruña. Foi precisamente nun destes concertos, no CIFP Audiovisual de Vigo o pasado mes de marzo, onde foi gravado este último videoclip, editado polo propio grupo a partir de imaxes de Manu Davila.

«Paranoia» é o sexto vídeo musical saído de Cara os Ceios Incrementes, logo dos de «Ata o final», «Que importa que nos craven as cadeas», «Cabeiros», «Hai sede na Nova Galicia» e «Retorno a Tagen Ata». Ademais, a banda viguesa sacou no pasado mes de setembro o sinxelo e videoclip «Por 100 anos máis», adicado ao equipo da súa cidade natal, o Celta de Vigo, con motivo do centenario do club. Actualmente, Dioivo atópase gravando o seu seguinte álbum de estudio, que será o terceiro da súa carreira, no estudio vigués DS Audio con Dany Soengas, que xa foi o responsable de gravar, mesturar e masterizar Cara os Ceios Incrementes. Entre tanto, farán tamén varios concertos en diferentes puntos da península que serán anunciados proximamente, incluíndo unha actuación na sala La Trinchera de Madrid o 18 de outubro que xa foi desvelada.

Cara os Ceios Incrementes é o segundo álbum de estudio completo da banda, despois do lanzamento de Dioivo II en 2019. Ademais, a banda lanzou os EPs Dioivo I en 2016 e Dioivo III en 2021. En todos eles a agrupación estivo conformada polo baterista Daniel Valladares Otero e polo guitarrista e vocalista Jacobo Mouriño Almeida, que integran o grupo dende a súa fundación e ata hoxe. Na súa discografía, integramente en lingua galega, destacan as adaptacións de obras da literatura de Galicia como os poemas «Sempre pola morte esperas» de Rosalía de Castro, «Hai sede na Nova Galicia» de Florencio Delgado Gurriarán ou «Que importa que nos craven as cadeas» de Darío Xohán Cabana. Tamén musicalizaron a novela Retorno a Tagen Ata de Xosé Luís Méndez Ferrín, cunha canción homónima de 11 minutos na que participou coa súa voz o propio autor.

Dioivo ten dado máis de 70 concertos por toda Galicia e por boa parte da península dende o seu nacemento en 2016, compartindo escenario con bandas de metal tan destacadas a nivel internacional como Master, Serrabulho, Bloodhunter ou Sovengar. Ademais, resultaron galardoados en dúas ocasións no concurso Xuventude Crea da Xunta de Galicia. A última actuación da banda desenvolveuse o pasado martes 2 de xullo na viguesa Porta do Sol, no marco do Festival de Arquitectura Urbana TAC! 2024, convidada polas salas de ensaio municipais de Vigosónico.

Foto portada: Alberto Ladero Lorente

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario