Proxecto Ríos e ADEGA darán a coñecer este verán os valores naturais do Alto Ulla

por Redacción Galicia

Nas vindeiras semanas, ADEGA ten previsto realizar dúas actividades no marco do proxecto de custodia fluvial Proxecto Ríos, para dar a coñecer os valores naturais singulares da bacía alta do río Ulla. Este espazo, actualmente ameazado polo proxecto da macrocelulosa de Altri e Greenalia, constitúe ambientalmente unha área singular definida por unha xeoloxía e uns solos cunhas propiedades moi particulares que permiten a vida dunha flora única no mundo. 

A través destas actividades, Proxecto Ríos tratará de sensibilizar e dar a coñecer á cidadanía sobre a importancia da preservación desta biodiversidade ameazada, así como do coidado do propio río Ulla, o cal tamén se vería drasticamente afectado de chegarse a instalar a fábrica de celulosas no Alto Ulla. 

Estas saídas educativas contan co apoio económico da Deputación provincial da Coruña e coa colaboración das entidades asociativas locais Santiso Vivo, a Plataforma Ulloa Viva e a Fundación Eira da Xoana.

Identificación e sensibilización os valores singulares do Alto Ulla

A primeira actividade de Proxecto Ríos no Alto Ulla será un Bioblitz ou descuberta de biodiversidade, que terá lugar o domingo 21 de xullo en horario de mañá (10h – 14h). Será unha actividade guiada por persoas expertas que consistirá en identificar todas as especies posibles nunha pequena área da contorna da lagoa de Santiso e as beiras do Ulla. Para participar, non se require experiencia previa. No percurso da actividade, localizaranse os endemismos ou especies botánicas singulares que caracterizan á zona, e procurarase atopar novos endemismos para sumar ao listado e pedir a protección que merece este lugar. Esta actividade encádrase dentro dos proxectos denominados de ciencia cidadá.

A segunda actividade será un Roteiro interpretativo, que terá lugar o domingo 11 de agosto, tamén en horario de mañá de 10h- 14:30h. Percorrerase o espazo explicando as peculiaridades da zona e facendo paradas para recoñecemento da flora e fauna máis importante. O roteiro terá un percorrido de aproximadamente 8 quilómetros e terá unha dificultade baixa, sen moito desnivel.

Reserva de praza

Estas actividades están abertas a todo o público en xeral, mais as prazas son limitadas, polo que é imprescindible anotarse nos formularios:
 

Bioblitz: https://forms.gle/P5zspmBSkartLNzC9

Roteiro: https://forms.gle/HbA7z6iuj7r2jKT16 

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario