Esta mañá abriuse o trámite de consulta pública, dispoñible durante 15 días, para que persoas e entidades poidan achegar as súas ideas
O Concello da Coruña regulará as intervencións urbanísticas de rehabilitación de edificios coa aprobación da primeira ordenanza municipal na materia. Desde esta mañá, as persoas e ou entidades que o desexen, poden consultar e facer as súas achegas no formulario sobre a Consulta pública sobre a ordenanza de rehabilitación para mellora enerxética de edificios durante os próximos 15 días.
Na actualidade, os sistemas de illamento supoñen unha mellora importante da eficiencia enerxética dos edificios así como de accesibilidade para as comunidades de propietarios. Por estas vantaxes, estanse a presentar un número importante de solicitudes para implantar os sistemas de illamento SITE nos últimos anos, mais non existe regulamento.
Con esta ordenanza, o Concello establecerá os criterios de intervención nos edificios e os seus acabados, segundo as características das construcións e localización. Os edificios prioritarios serían os catalogados ou con algún tipo de protección e os edificios singulares integrados na norma zonal 1 do PXOM. Ademais, prevese determinar o contido documental que debe achegarse coa solicitudes de licenza ou coa presentación das comunicacións previas de obras e axilizar a tramitación dos procedementos.
O Goberno de Inés Rey busca así garantir a conservación e integridade da estética urbana da cidade, mantendo os elementos característicos de interese arquitectónico ou cultural dos edificios ante as diferentes solicitudes de intervencións nas envolventes para a mellora enerxética.
«Trátase de facilitar os trámites aos cidadáns e de contribuír a salvaguardar a coherencia estética da cidade», indicou o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz.
Xa se pode consultar na web do Concello o texto correspondente á Consulta pública previa sobre o proxecto da ordenanza reguladora das actuacións de rehabilitación para mellora enerxética dos edificios da Coruña .