Mar Carballas cuestiona que o BNG pida esforzos extras aos lucenses mentres o seu goberno segue a gastar sen control e sen establecer prioridades
A voceira popular cuestiona as prioridades de gasto do goberno municipal ao detectar que partidas destinadas a diversos postos de traballo, entre eles o de oficial maquinista fontaneiro, foron destinadas ao pago de facturas do San Froilán.
Os populares critican que unhas festas dotadas con 757.000€ precisen de cartos destinados a partidas de persoal.
Unha cidade de 100.000 habitantes ten unha Brigada de Augas mal dotada de persoal e mal dimensionada o que ocasiona que as roturas e avarías tarden días e días en ser reparadas.
Se a isto se lle suma que a licitación do servizo de reparación de avarías polas tardes e as fins de semana está paralizada, e que a rede de abastecemento de auga é moi anticuada (o que fai máis probable as avarías) volvemos a encontrarnos ante unha nova mostra da pésima xestión do goberno local en todos os ámbitos, especialmente nos esenciais para os veciños, como pode ser o abastecemento de auga potable.
Cando hai partidas orzamentarias para poder dotar de persoal a este servizo, en lugar de facelo, empregan eses cartos en pagar as Festas de San Froilán, como pode verse nos documentos adxuntos.