A UDC pon en marcha un título propio de Máster en Innovación e Dixitalización Financeira 

por Redacción A Coruña

O conxunto formado polo CITIC, Cidade das TIC e a AESIA, constitúe un referente do sector tecnolóxico, tendo á Universidade da Coruña como un dos principais aliados para a formación e atracción do talento demandado por ese ecosistema empresarial das TIC

A UDC ofertará por primeira vez no curso 24/25 o  Máster en Innovación e Dixitalización Financeira, unha proposta formativa dirixida a dotar do coñecemento necesario para abordar os retos das finanzas dixitais. Ademais da aprendizaxe dos procesos financeiros, engadirase o ensino das tecnoloxías que dan soporte á área financeira como Power BI, SQL, IA ou SAP.

SAP  dispón dun software composto de módulos integrados que cobren todos os aspectos da xestión empresarial. Proporciona solucións integrais para loxística, inventarios, distribución e finanzas. Este software financeiro é escollido polas principais multinacionais, tendo ampla presencia a nivel local e internacional, sendo o consultor SAP un dos perfís máis demandados no sector da tecnoloxía financeira.  

O máster posibilita a obtención de dúas titulacións: a Certificación como Consultor SAP e a titulación de Máster da UDC en Innovación e Dixitalización Financeira.

Neste contexto é no que xurde a organización deste máster en finanzas dixitais, organizado pola UDC en colaboración con grandes empresas, como  PwC, Deloitte, KPMG, Accenture, Minsait, Corporación Hijos de Rivera, Inditex e Abanca. O máster, de 450 horas de formación, contará cunha bolsa de prácticas remuneradas nas empresas colaboradoras.

Cun total de 23 prazas, toda a información sobre este máster que dará comezo o 14 de outubro de 2024 pode consultarse xa na web https://masterfinanzasdigitales.udc.es/. O período de inscricións abrirase o próximo 22 de xullo e finalizará o 22 de setembro.

A Coruña, referente TIC

Na Coruña, sede de ao redor de 700 empresas do sector TIC (27% do total de Galicia), tense configurado un ecosistema tecnolóxico moi relevante. Na actualidade, o  conxunto formado polo CITIC, a Cidade das TIC e a AESIA, constitúe un referente do sector, tendo á Universidade da Coruña como un dos principais aliados para a formación e atracción do talento demandado por ese ecosistema empresarial TIC.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario