O goberno local de Arteixo continúa sen regular as terrazas dos locais de hostalería

por 21 Noticias

Os socialistas denuncian que o goberno local ven de paralizar os trámites iniciados hai dez anos

O grupo municipal socialista solicitará información sobre a situación da ordenanza das terrazas que ía a ser aprobada no mes de xuño trala súa retirada da orde do día do pleno.

O portavoz socialista, Martín Seco, explica que hai dez anos o goberno local “despois de moitas presións por parte do noso grupo” iniciou os trámites para a regulación das terrazas dos locais de hostalería do concello, pero que ven de paralizalos “por non querer tomar decisións que poderían enfrontar os intereses da veciñanza e dos locais de hostalaría”

Seco sinala que hai uns meses o goberno do PP “dixo querer aprobar dita ordenanza e dixo que poñería en marcha un mecanismo de participación pública para facelo”, pero según o voceiro socialista, “o único que fixo foi publicala no taboleiro de anuncios da casa consistorial para levalo despois á comisión, onde foi dictaminada a favor por parte do PP”  para ser retirada  posteriormente polo propio goberno “sen moitas explicacións”.

“Imos celebrar o pleno do mes de xullo e sorprendentemente dita ordenanza desapareceu da orde do día” incide o concelleiro socialista, “co único argumento de estudiala máis a fondo, malia o proceso de participación que o propio grupo de goberno dixo nos medios de comunicación que levarían a cabo”.

Para Martín Seco, “a realidade é que unha vez máis o goberno do PP non quere tomar decisións que regulen a colocación desas instalacións, que dean certezas e seguridade á veciñanza e aos propios locais de hostalaría porque poden non contentar a todos os afectados”, pero desde o grupo socialista insisten na “necesidade de que exista o mesmo criterio para todos os locais”.

 “A veciñanza ten dereito a saber cal é a situación da ordenanza de terrazas que ía ser aprobada no mes de xuño e se foi suficiente o proceso de participación aberto á cidadanía “ remata Seco.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario