Inés Rey: “O Mundial traerá avances para A Coruña e para Galicia, da que seremos os seus mellores embaixadores

por Redacción Deportes

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá o proxecto da Coruña como sede do Mundial de fútbol masculino do ano 2030, unha vez a FIFA e a RFEF fixeron público este venres que o estadio municipal de Riazor será unha das 11 sedes españolas de dita cita deportiva. A rexedora estivo acompañada polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, da subdelegada do Goberno, María Rivas, e do vicepresidente e do secretario xeral da Real Federación Galega de Fútbol, Juan Luis Villamisar e Diego Batalla. Ademais, tamén asistiron aos actos representantes dos concellos da provincia que se adheriron á candidatura, concelleiros da corporación coruñesa e representantes empresariais, sociais e veciñais da cidade e a súa área.

“O Mundial 2030 terá como sede A Coruña, o que amosa unha vez máis a potencia que é a nosa cidade”, sinalou Inés Rey durante a súa intervención, na que agradeceu a colaboración das persoas, colectivos e institucións a súa participación durante o proxecto, incidindo no traballo conxunto levado a cabo coa Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Goberno de España e a Real Federación Española e Galega de Fútbol. Tamén destacou o papel de todos os concellos que amosaron o seu apoio á candidatura coruñesa e que terán un papel fundamental na celebración do Mundial 2030.

“Presentamos un proxecto rigoroso, sensato e ilusionante para ser bimundialistas, un feito do que só 50 cidades do mundo poden presumir”, contou a alcaldesa. “Non falamos só dun espectáculo de quince días, falamos dunha transformación e unha difusión de cidade xigantesca, cun proxecto que cristaliza o gran crecemento da Coruña nesta década”, seguiu. A Coruña será a cidade con menos habitantes que formará parte do Mundial 2030, tal e como confirmou a alcaldesa, Inés Rey. “Isto confirma que non hai cidade pequena máis grande que A Coruña”, indicou.

Sobre os futuros traballos de ampliación do estadio de Riazor, todas as administracións presentes amosaron a súa predisposición para colaborar no financiamento e traballar en conxunto para cumplir coas esixencias da FIFA. “Reformaremos o estadio municipal de Riazor non só para acoller outro Mundial, senón tamén para enchelo de branquiazul, como obriga a lista de espera para ser socios do Dépor, e para ser un recinto ideal para grandes eventos culturais”, reafirmou Inés Rey.

A alcaldesa incidiu en que este é un “proxecto de cidade” e que a ampliación de Riazor para acoller o Mundial 2030 levará aparelladas outros cambios na cidade. “Imos aproveitar este enganche para que a cidade creza, para mellorar a calidade urbana e industrial da cidade, como levamos facendo desde hai cinco anos”, sinalou, poñendo este proxecto á par de outros nos que traballa o seu Goberno como a posta en funcionamento da AESIA ou a configuración da fachada marítima.

“O Mundial traerá avances en mobilidade, en economía ou en innovación para A Coruña e para Galicia, da que unha vez máis imos ser os seus mellores embaixadores”, apuntou Inés Rey, que lembrou o importante retorno económico que esta cita traerá á comunidade.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario