O BNG pide á Xunta mellorar a seguridade na estrada AC-445 ao seu paso por Estorde, en Cee

por Redacción A Coruña

Iniciativa parlamentar do deputado Oscar Insua para que se instalen sinais de redución da velocidade e pasos de peóns, pois “non se pode esperar a que morra unha persoa, como pasou na Anchoa”

O BNG da Costa da Morte, a través do deputado Oscar Insua, vén de presentar unha iniciativa no Parlamento Galego para a mellora da seguridade viaria na estrada AC-445 ao seu paso polo lugar de Estorde, no municipio de Cee. O representante nacionalista pide á Xunta de Galiza que instale sinais de redución da velocidade e pasos de peóns, advertindo que “só existen sinais de prohibida a velocidade a máis de 70 km/h, e o sinal de poboado de Estorde, mais ningunha que indique propiamente a prohibición da velocidade a menos de 50 Km/h, como noutros tramos urbanos existentes na mesma estrada AC-445”.

Desde o BNG sinalaron que a vía, de titularidade autonómica, discorre a escasos metros da praia que recibe o nome do lugar, e que en época estival é moi concorrida pola veciñanza da zona e visitantes que veranean no lugar e arredores, polo que “é preciso e urxente dotar de cando menos tres pasos de peóns no tramo da AC-445 entre os puntos quilométricos 5.5 e 6.5, ademais da redución da velocidade cos sinais oportunos, para dotar de máis seguridade aos viandantes que queren ou deben cruzar a estrada, ao igual que se fixo noutros tramos con idéntica necesidade”.

Oscar Insua manifestou que “todo o mundo cre que non se pode esperar a que morra unha persoa, como pasou na Anchoa, para instalar uns pasos de peóns, polo que deben poñelos canto antes», e lembrou que o BNG leva anos reclamando máis seguridade nese tramo de Estorde.  “Non sabemos a que espera a Xunta para actuar», indicou o deputado nacionalista.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario