Omar Montes, Los Planetas, La Plazuela ou Budiño súmanse ás Noites de María Pita, entre o 1 e o 14 de agosto.
A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá a programación completa das Festas de María Pita 2024, que contarán na súa xornada inaugural co pregón de Lucas Pérez e coa actuación musical de Kate Ryan. A rexedora estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e polo autor do cartel desta edición, o artista Javier de la Rosa.
«A Coruña vivirá un mes enteiro de festas, algo ao alcance de moi poucas cidades», indicou a alcaldesa. «Cumplimos coa nosa tradición de ser a cidade máis festeira de Galicia cunha programación para todos e todas as coruñesas», engadiu. A praza de María Pita será o gran escenario destas festas coa celebración nela das Noites de María Pita, o Festival Internacional de Folclore, a Semana Clásica e o Festival de Habaneras.
Tal e como sinalou Inés Rey, as Noites de María Pita «contarán con actuación de todos os estilos e para todos os públicos», comezando coa cantante belga Kate Ryan. O día 2 estarán Mocedades e Los Panchos, o día 3, Los Planetas, o día 4, Rock en Familia, o día 5, Omar Montes e o día 6 o festival Locos pola Música, con Modestia Aparte, Los Toreros Muertos, Amistades Peligrosas, OBK, Un Pingüino en mi Ascensor e Hechizo (Homenaje a Héroes del Silencio). Tras un paréntese pola celebración do Festival Noroeste Estrella Galicia, cuxo cartel se dará a coñecer este venres, as Noites de María Pita regresarán o 12 de agosto con La Plazuela. O 13 actuará Ariel Rot e o 14 pechará esta edición Budiño, cun concerto especial con varias colaboracións.
Do 7 ao 11 de agosto a praza de María Pita acollerá o Festival Internacional de Folclore e, do 17 ao 20 de agosto, terá lugar a Semana Clásica, con actuacións da Orquestra Sinfónica de Galicia, da Banda Municipal de Música, da Orquestra GAOS e da Orquestra de Cámara Galega. Serán actuacións especiais, con diferentes colaboracións e repertorios especiais. No caso da Banda Municipal presentará ‘A Noite das Cancións Extraordinarias’, cunha selección de cancións que triunfaron na Coruña en diferentes épocas realizada por Xurxo Souto e coas voces principais de Paco Lodeiro e Rosa Cedrón. De novo, nas Festas de María Pita haberá espazo para a tradición co Certame de Habaneras, que se celebrará do 21 ao 25 de agosto na praza de María Pita.
Romaría, Viñetas, Teresa Herrera e moito máis
Desde o Goberno de Inés Rey tamén se quixo potenciar a Romaría de Santa Margarida, unha das mellores citas de baile e música tradicional, que este ano contará cun concerto especial de Rodrigo Cuevas o xoves 29. Será unha actuación de pago e as entradas xa están á venda. O venres 30 haberá un concerto especial de Trilitrate no Planetario da Casa das Ciencias e á noite será a Gran Noite do Folclore, coas asociacións tradicionais da cidade. Ademais, o sábado 31 e domingo 1 de setembro estarán formacións como Xabier Díaz, Xurxo Fernándes ou Startijenn.
Haberá, como cada ano, unha nova edición da Feira do Libro e do Libro Antigo, así como o festival Viñetas desde o Atlántico, cuxa programación presentouse onte. Tamén celebrarase o trofeo Teresa Herrera de Fútbol, que terá lugar os días 9 e 10 de agosto en Riazor, recuperando na súa sección masculina o formato de cuadrangular con Deportivo, Leganés, Real Oviedo e Unionistas. Na sección feminina, o Dépor ABANCA enfrontarase ao Athletic de Bilbao.
Os barrios tamén serán protagonistas estas festas con festexos en Oza-Gaiteira-Os Castros, Eirís, Castrillón, Sagrada Familia e Novo Mesoiro. Ademais, o programa Cascarillarte volverá a encher os diferentes barrios con actuacións para todos os públicos entre o 12 e o 30 de agosto. Por último, a Batalla Naval, que este 2024 cumpre 40 anos da súa primeira celebración, será o venres 16 de agosto na enseada do Orzán, como todos os anos. O concelleiro Gonzalo Castro agradeceu o apoio da Xunta, a través de Turismo de Galicia, para a organización desta edición das festas.