Besteiro sinala na entrega das Medallas de Galicia o pulo do audiovisual galego: “Eles si que demostran ambición de país”

por Redacción Galicia

O secretario xeral do PSdeG lamentou a tráxica perda de vidas no naufraxio do  Argos Georgia nas illas Malvinas: “O mar danos moito, pero tamén nos quita moito”.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, destacou esta mañá “a forza” do audiovisual galego “non só en España, senón tamén no ámbito internacional”. Momentos antes da cerimonia de entrega das Medallas de Galicia, na Cidade da Cultura, sinalou sobre os tres recoñecementos deste ano que tanto o actor Luís Tosar coma a produtora Zaza Ceballos gozan dun éxito “traballado durante moitísimos anos” e a Academia Galega do Audiovisual representa o pulo do sector.

“Eles si que demostran ambición de país”, dixo o tamén portavoz socialista no Parlamento de Galicia sobre o recoñecemento a un audiovisual que exemplifica “a potencia” da cultura galega e que merece “que todos o celebremos con eles”.

Besteiro lamentou que un día doce polos recoñecementos institucionais tivera tamén unha cara “acre” polas mortes confirmadas de nove mariñeiros, entre eles dous galegos, no naufraxio do Argos Georgia en augas das illas Malvinas. “Hai familias que perderon un pai, un fillo, un irmán, un amigo… É un día triste”, indicou o líder do PSdeG, que trasladou a “solidariedade, apoio e agarimo da familia socialista” aos achegados dos falecidos. “O mar danos moito, pero tamén nos quita moito”, dixo.

Por outra banda, o secretario xeral reprochoulle ao PP a falta de apoio á senda de estabilidade dos Orzamentos do Estado proposta polo Goberno central. “Unha vez máis, Feijoo e Rueda sáenos caros aos galegos”, criticou sobre a decisión dos populares de evitar a aprobación dunha medida que terá graves consecuencias para a comunidade: “Galicia vai deixar de percibir máis de 400 millóns de euros entre o 2024 e o 2026”.

José Ramón Gómez Besteiro recordou que o Partido Popular bloquea “unha vez máis” outra iniciativa que beneficia ao conxunto da cidadanía, como ocorreu coa redución do IVE aos produtos básicos. Agora, a perda de fondos “vai ir directamente contra os servizos públicos”, asegurou antes de insistir en que “cada decisión que toman Feijoo e Rueda para opoñerse a todo o que fai o Goberno de España, ten consecuencias malas para os galegos e as galegas”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario